A loita contra a ELA terá no Burgo a súa gran cita solidaria en Galicia

Culleredo será o escenario do acto central en Galicia polo Día Mundial da ELA, que se celebrará o vindeiro 21 de xuño no paseo marítimo do Burgo. A iniciativa está organizada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, AGAELA, coa colaboración do Concello.
A entidade presentou a actividade este xoves na praza de Europa do Burgo, onde instalou unha mesa informativa para achegar á veciñanza información sobre a enfermidade, os seus síntomas e os recursos de apoio dispoñibles para as persoas afectadas e as súas familias.
A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, achegouse ao punto informativo e destacou o traballo de AGAELA na visibilización da ELA e no acompañamento ás familias.
O acto central consistirá nun Xantar Popular Solidario pola ELA, que comezará ás 12.00 horas. A xornada contará con pulpeira, churrascada, actuacións musicais, sorteos e outras actividades pensadas para favorecer a participación cidadá.
O Concello subliña a importancia de apoiar este tipo de iniciativas desde o ámbito local e lembra que a sensibilización social é clave para mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas e do seu entorno.