A literatura e a música celebran as Letras Galegas nunha xornada de alta participación en Paderne

ACoruñaXa
O municipio entregou os premios do seu III Certame de Relato Curto, no que gañaron Daniel Izan Vázquez Vilasuso e Rocío Cal Gómez
PADERNE letras galegas 2026
17 May 2026

Paderne celebrou o Día das Letras Galegas cun acto cheo de música, literatura e participación veciñal. A praza do Campo da Escola, en Insua, na parroquia de Viñas, acolleu unha programación especial coa que o Concello quixo poñer en valor a lingua galega e o talento creativo do municipio.

A xornada abriu coas intervencións musicais da UNED Sénior e de Alba de Vales, que presentou o espectáculo 'Contos arredor de nós'. O encontro reuniu a máis dun cento de persoas e incluíu tamén o reparto de libros entre a veciñanza asistente, nun ambiente festivo arredor da cultura galega.

O alcalde, Sergio Platas, agradeceu a implicación das persoas participantes e destacou o compromiso de Paderne coa lingua e coa literatura. O rexedor subliñou ademais o bo nivel acadado polo Certame de Relato Curto, que este ano chegou á súa terceira edición cunha alta calidade nas obras presentadas.

O concurso, convocado polo Concello, tiña como requisito que os textos estivesen escritos en galego e que Paderne tivese presenza nas historias, xa fose como escenario de ficción ou a través de feitos reais vinculados ao municipio.

Na categoría xuvenil, o primeiro premio foi para Daniel Izan Vázquez Vilasuso pola obra 'A Bandeira'. Na categoría xeral, a gañadora foi Rocío Cal Gómez co relato 'Baixo o nome das pedras'. O xurado valorou aspectos como a calidade da escrita, o uso de recursos literarios e a orixinalidade das propostas.

O premio da categoría xeral inclúe a publicación do relato nunha obra recompilatoria, un lote de 30 exemplares, unha cesta de produtos típicos e unha dotación económica de 400 euros. No caso da categoría xuvenil, o galardón consiste tamén na publicación do texto, 30 exemplares da obra, unha cesta de produtos da zona e unha tablet.

0.11932301521301