A liña de bus urbano 1-A chegará ata Santa Cristina

ACoruñaXa
Os concellos inician os trámites para mellorar a mobilidade e solicitarán reunión coa Xunta para a autorización do servizo
Bus 1A Coruña Santa cristina
13 Jan 2025

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, reuniuse esta mañá coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para avanzar en diversas melloras en materia de transporte público. Entre os acordos alcanzados, destaca o compromiso de iniciar os trámites necesarios para que a liña de bus urbano 1-A amplíe o seu percorrido ata a glorieta de Santa Cristina.

Para facer posible esta conexión, os concellos solicitarán unha reunión coa Xunta de Galicia para obter a autorización correspondente. Este servizo, de materializarse, ofrecería unha nova alternativa de mobilidade, conectando Santa Cristina co hospital Abente y Lago e atravesando puntos clave como Alfonso Molina, Matogrande, Monelos e Elviña.

Ademais, na mesma reunión prevista coa administración autonómica, o Concello de Oleiros trasladará outras demandas relacionadas co transporte público. En concreto, solicitará a prolongación da liña B-1, que actualmente remata no Seixal, ata a Igrexa de San Pedro de Nós, ampliando a cobertura á totalidade da parroquia, especialmente desatendida desde as modificacións realizadas en 2020.

Outras melloras propostas inclúen a creación dunha nova liña que conecte a urbanización de Xaz, en Dorneda, cubrindo toda a avenida Emilia Pardo Bazán (estrada de Meirás) e reforzando os servizos de autobús entre Santa Cruz e Perillo. Estas iniciativas buscan optimizar a mobilidade na comarca, atendendo as necesidades da poboación local.

0.16410899162292