A Liga Reumatolóxica Galega celebra o seu 30 aniversario con trece recoñecementos

ACoruñaXa
A gala dos Premios Liga con Nós terá lugar este sábado no Palacio da Ópera da Coruña, mentres que o venres a entidade organiza unha xornada multidisciplinar sobre as enfermidades reumáticas
A CORUÑA liga reumatoloxica 30 anos
20 Nov 2026

A Liga Reumatolóxica Galega conmemora os seus 30 anos de actividade cunha programación especial que culminará este sábado, 21 de novembro, coa entrega dos Premios Liga con Nós. A gala celebrarase ás 19.00 horas no Palacio da Ópera da Coruña e distinguirá a once profesionais, entidades e institucións, ademais de conceder dous premios especiais do aniversario.

Os galardóns recoñecen o compromiso de diferentes ámbitos coa mellora da calidade de vida das persoas con enfermidades reumáticas e das súas familias. Entre os premiados figuran profesionais sanitarios como a reumatóloga Natalia Palmou Fontana, o reumatólogo Rafael Benito Melero González e a doutora Inmaculada Tomás Carmona, así como representantes das administracións, do ámbito universitario, da comunicación e do terceiro sector.

Tamén recibirán premios a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; a concelleira coruñesa Nereida María Canosa Domínguez; a xornalista Caterina Devesa Puente; diferentes servizos universitarios da USC e da UDC; a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (FEGEREC) e o Colexio Oficial da Profesión Veterinaria da Coruña.

Os dous Premios Especiais 30 Aniversario recaen en Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia, e Alicia Ferrero Gil, avogada que asesora de maneira altruísta á entidade e ás familias.

A gala estará presentada por Gemma Pardo e contará coas actuacións de Silvia Penide e do grupo Aire Flamenco, dirixido por Lorena Pouso.

A programación comezará o venres 20 de novembro cunha xornada especial organizada en colaboración con UDC Saudable. Baixo o título 'A persoa con ERyMES, da cabeza aos pés', reunirá especialistas de diferentes disciplinas médicas entre as 9.30 e as 13.30 horas no Centro Universitario de Riazor.

O encontro abordará as repercusións das enfermidades reumáticas en diferentes partes do organismo, máis alá das articulacións, con intervencións de profesionais de Reumatoloxía, Cardioloxía, Pneumoloxía, Odontoloxía, Dermatoloxía e outras especialidades, ademais dunha mesa de debate aberta ao público.

A Liga Reumatolóxica Galega naceu na Coruña o 13 de marzo de 1996 por iniciativa dun grupo de persoas con distintas enfermidades reumáticas. Actualmente conta con cinco puntos de atención en Galicia e ofrece servizos de psicoloxía, terapia ocupacional, atención domiciliaria, logopedia, reforzo educativo e Reumatoloxía pediátrica, entre outras actividades.

0.1560320854187