A lectura deixa 600 euros para apoiar o labor social no rural de Vilasantar

A comunidade educativa do CEIP de Présaras converteu a celebración do Día do Libro nunha xornada de solidariedade e participación veciñal. O centro organizou un mercado solidario co que conseguiu recadar 600 euros a favor da Asociación Raíña Paraíso, entidade asentada na escola ecolóxica de Vilasantar e centrada en proxectos sociais vinculados ao rural.
O profesorado e o alumnado implicáronse de cheo na preparación da actividade. Os nenos e nenas foron os protagonistas da feira, xa que elaboraron coas súas propias mans boa parte dos produtos postos á venda e tamén se encargaron de atender os diferentes postos instalados no centro.
No mercado podían atoparse libros de diferentes temáticas e para todas as idades, ademais de marcapáxinas, chapas, rosas e pulseiras. A proposta atraeu a ducias de persoas, que se achegaron ao colexio para colaborar cunha iniciativa que uniu cultura, creatividade e compromiso social.
A actividade tivo un dobre obxectivo. Por unha banda, fomentar o hábito lector entre o alumnado e entre a veciñanza, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro. Pola outra, contribuír economicamente ao traballo que desenvolve a Asociación Raíña Paraíso no municipio.
Desde a dirección do CEIP de Présaras destacaron o bo resultado do mercado solidario e puxeron en valor este tipo de accións, ao considerar que reforzan a colaboración entre a comunidade educativa e o tecido asociativo de Vilasantar.
Tamén desde a Asociación Raíña Paraíso trasladaron o seu agradecemento ao centro pola implicación demostrada. A entidade salientou a ilusión e a creatividade coa que o alumnado participou na feira e lembrou que detrás de cada pulseira, rosa ou libro vendido houbo esforzo, cariño e solidariedade.
A Asociación Raíña Paraíso traballa para impulsar o desenvolvemento sostible e a inclusión social no ámbito rural. Entre as súas iniciativas figuran obradoiros de emprego, programas de acompañamento a persoas maiores e migrantes, cursos de agricultura ecolóxica e actividades destinadas a visibilizar o papel das mulleres no rural.
Ademais, a entidade conta cun obradoiro de produtos ecolóxicos, inclusivos e sen glute, con opcións veganas, que poden adquirirse tanto nas súas instalacións de Vilasantar como na Praza de Abastos de Santiago.