A lectura con cans terapéuticos gaña espazo nos colexios de Culleredo

ACoruñaXa
O Concello leva aos centros educativos un programa dirixido a alumnado de Primaria con dificultades na lectoescritura, problemas de autoestima, necesidades nas habilidades sociais ou barreiras de comunicación
CULLEREDO terapia con perros
15 Apr 2026

Culleredo reforza a súa aposta por iniciativas educativas inclusivas coa posta en marcha dun programa de lectura asistida con cans de terapia nos centros escolares do municipio. A actividade intégrase en EducaCulleredo e desenvólvese en colaboración coa Asociación Perros y Letras a través do método READ, centrado no acompañamento á lectura con animais adestrados.

A proposta está pensada para escolares de Educación Primaria que presentan dificultades na lectoescritura, baixa autoestima ou carencias nas habilidades sociais. Tamén se dirixe a alumnado chegado doutros países que atopa barreiras lingüísticas ou de comunicación. Cada centro pode seleccionar ata seis participantes, nun proceso no que interveñen os equipos de orientación educativa xunto coa entidade responsable da actividade. Unha vez feita a proposta, solicítase a autorización das familias.

O programa xa pasou polos CEIP Sofía Casanova e Vila de Rutis, onde rematou este luns 13 de abril, e nas próximas datas estenderase ao resto de colexios participantes do concello: Tarrío, Isaac Díaz Pardo e Ría do Burgo. Deste xeito, a iniciativa completará a súa implantación nos centros educativos incluídos nesta edición.

As sesións teñen lugar nas bibliotecas escolares e están guiadas por unha terapeuta ocupacional especializada, acompañada de Dana, unha cadela de terapia adestrada para este tipo de intervencións. Cada alumno ou alumna participa en sete sesións duns vinte minutos, nun formato pensado para crear un ambiente amable, seguro e motivador arredor da lectura.

Desde a asociación colaboradora subliñan que este tipo de programas contribúen a mellorar o interese por ler e favorecen aspectos como a confianza, a atención, a autonomía, a comunicación e a regulación emocional. Ademais, a experiencia axuda a fomentar unha relación positiva cos animais.

Con esta nova acción, o Concello de Culleredo afonda na súa liña de apoio a propostas que complementan a educación ordinaria e poñen o foco na inclusión, no benestar emocional e no acompañamento personalizado do alumnado.

0.13753485679626