A II Feira Saúde e Sociedade ofrecerá rastrexos e asesoramento este venres en Méndez Núñez

Os xardíns de Méndez Núñez acollerán este venres 15 de maio a segunda edición da Feira Saúde e Sociedade, unha iniciativa organizada polo Concello da Coruña e a Universidade da Coruña, a través de UDC Saudable, para promover a saúde integral, o benestar comunitario e a inclusión social.
A cita desenvolverase entre as 16.00 e as 21.00 horas, fronte ao Quiosco Alfonso, con acceso libre para a veciñanza e para a comunidade universitaria. No caso de choiva, a actividade trasladarase ao Centro Sociocultural Ágora.
Durante a tarde, as persoas asistentes poderán achegarse aos postos das entidades participantes, recibir información especializada e coñecer recursos vinculados á prevención, a saúde mental, a discapacidade, a nutrición, a igualdade, os coidados e os hábitos de vida saudables.
A programación comezará coa apertura dos postos ás 16.00 horas. A benvida institucional está prevista para as 16.30 horas e, desde as 17.00 horas, arrancarán as actividades nos diferentes espazos da feira. Entre as propostas haberá rastrexos gratuítos de saúde, accións de sensibilización, asesoramento nutricional personalizado e obradoiros interactivos.
Un dos eixes da xornada será a promoción da doazón de sangue e medula ósea a cargo de ADOS-SERGAS. Tamén se realizarán medicións de glicosa en colaboración coa Asociación Coruñesa de Persoas con Diabetes e a Escola Universitaria de Enfermaría da Coruña, ademais de actividades sobre alimentación saudable impulsadas por Nutriciona.
A feira forma parte do convenio anual de 40.000 euros entre o Concello e a UDC para desenvolver accións de promoción da saúde e do benestar social. Con esta segunda edición, ambas institucións buscan consolidar un espazo de encontro entre entidades, profesionais, alumnado e cidadanía, reforzando a saúde como unha responsabilidade compartida e tamén como un ben común.