A II Copa Deputación de Baile Deportivo reúne 325 participantes no Pazo dos Deportes de Riazor

O Pazo dos Deportes de Riazor encheuse de público este sábado para seguir a segunda edición da Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo, que reuniu 325 bailaríns e bailarinas nunha xornada que combinou competición e espectáculo. A cita, considerada o maior evento desta disciplina na provincia, foi puntuable para o ránking nacional.
Familias, compañeiros de clubs e escolas e afeccionados animaron os participantes ao longo de toda a xornada, desde a mañá ata a noite. As actuacións puxeron de manifesto a esixencia física, a coordinación e a expresividade necesarias nesta modalidade deportiva.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o deputado de Deportes, Antonio Leira; e o concelleiro de Deportes da Coruña, Antonio Vázquez, participaron na entrega de premios.
Os gañadores da competición
Na modalidade de latinos, os premios principais foron para Eva Shmarko, de Amigos das Danças, de Porto, na categoría Solo Júnior; Noemí Cendán, de Un Paso Adelante, de Narón, en Solo Youth; Raúl Romero e Serena Díaz, de Arte y Movimiento, de Cee, en Xuvenil; Manuel Ruiz e Beatriz Veiga, de Al Compás, en Sénior; e Andrés Parga e Laura Marcote, de Arte y Movimiento, na categoría Adulta.
En danza coreográfica, Bracara Team, de Braga (Portugal), acadou os primeiros postos nas categorías de Copa Xuvenil, Júnior e Youth. Pola súa banda, Un Paso Adelante, de Narón, impúxose na categoría Sénior.
Formoso felicitou os gañadores e recoñeceu tamén o traballo dos participantes, adestradores e familias. O presidente provincial destacou o ambiente vivido en Riazor e agradeceu a todas as persoas que fixeron posible a celebración do evento.
A Coruña aspira a acoller o Campionato de España en 2027
Durante a xornada, Formoso anunciou que A Coruña aspira a acoller o Campionato de España de Baile Deportivo o vindeiro ano, co obxectivo de impulsar unha competición de maior dimensión.
O presidente da Deputación reivindicou o apoio ás modalidades deportivas con menor presenza nos medios de comunicación e defendeu a necesidade de darlles visibilidade para favorecer o seu crecemento e achegalas a novos públicos.
A Copa reuniu deportistas de distintos puntos de Galicia, de comunidades como Madrid e Valencia e tamén de Portugal. Entre os participantes había campións do mundo de danza coreográfica e parellas de primeiro nivel nacional. O programa incluíu probas individuais, por parellas e en grupo, con categorías de diferentes idades, baixo a normativa da Federación Española de Baile Deportivo.
Organizada coa colaboración da academia Un Paso Adelante, de Narón, esta segunda edición superou as cifras de participación do ano pasado e converteu o Pazo dos Deportes de Riazor nun punto de encontro para clubs e escolas de danza.