A identidade mariñeira entra nas aulas a través da fotografía no IES O Mosteirón

O IES O Mosteirón inaugurou a exposición fotográfica 'Entre bateas e mareas', un proxecto realizado polo alumnado de 3º e 4º da ESO no marco do programa Fotografía en Curso, unha iniciativa que achega a creación visual e audiovisual ao ámbito educativo.
Guiados polo fotógrafo coruñés Luis Díaz Díaz, os estudantes traballaron como documentalistas do seu propio territorio. A través da cámara de gran formato, aprenderon a mirar con máis atención a súa contorna e a descubrir novas formas de expresar a realidade mediante a fotografía.
A mostra propón unha viaxe ao universo mariñeiro a través de tres bloques: retratos de persoas vinculadas á actividade portuaria, paisaxes e escenas cotiás que recollen a esencia deste espazo, e unha sección de making of que permite coñecer o proceso creativo e técnico que hai detrás das imaxes.
O proxecto pon en valor a memoria, a identidade mariñeira e o patrimonio humano da contorna, ao tempo que impulsa entre a mocidade a creatividade, a observación e a expresión artística.
A exposición evidencia que a fotografía pode ser tamén unha ferramenta para coñecer, comprender e contar o territorio no que se vive.