A humanización parcial da rúa Agra do Orzán na Coruña mellorará a accesibilidade e ampliará os espazos peonís, di o goberno municipal

ACoruñaXa
As obras, cun investimento de 147.549 euros, comezan entre as rúas Meira e Pascual Veiga e durarán catro meses
Obreiros Concello da Coruña
24 sep 2024

O Concello da Coruña iniciou hoxe as obras para a humanización da rúa Agra do Orzán, centradas no treito comprendido entre as rúas Meira, Entrepenas e Pascual Veiga. Esta intervención, cun orzamento de máis de 140.000 euros, responde a unha demanda veciñal aprobada nos Orzamentos Participativos e forma parte do plan de revitalización urbanística dos barrios impulsado polo Goberno local.

O proxecto inclúe a creación dunha plataforma única que permitirá gañar espazos peonís, mellorando a accesibilidade e mantendo zonas de estacionamento grazas ao ancho da calzada. As beirarrúas pasarán a ter un mínimo de 1,8 metros, mentres que o carril de circulación terá 3,5 metros de ancho.

Ademais, o proxecto inclúe a plantación de novas árbores ao longo da rúa, situadas preferentemente en esquinas e cruzamentos, co obxectivo de mellorar os percorridos peonís. Segundo a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, esta intervención non só mellorará a mobilidade no barrio, senón que tamén contribuirá a un entorno máis verde e agradable para os seus habitantes. Os traballos terán un prazo de execución de catro meses.

0.16065192222595