A hostalaría local ten unha cita co sabor no novo concurso 'Ordes de Tapas'

ACoruñaXa
O Concello abre o prazo para que bares e restaurantes se sumen a unha iniciativa que se celebrará os días 29 e 30 de maio e 5 e 6 de xuño co obxectivo de dinamizar a gastronomía e atraer visitantes
ORDES tapas
10 Mar 2026

O Concello de Ordes puxo en marcha a convocatoria dunha nova edición do concurso 'Ordes de Tapas', unha proposta coa que busca implicar á hostalaría local nunha campaña de promoción gastronómica pensada para atraer clientela e reforzar a imaxe do municipio como destino para gozar da cociña de proximidade.

A iniciativa desenvolverase durante dúas fins de semana, os días 29 e 30 de maio e 5 e 6 de xuño. Durante esas xornadas, os establecementos participantes poderán ofrecer as súas creacións e competir polos premios que se concederán en función das votacións realizadas pola propia clientela.

Desde o Concello anímase a bares e restaurantes a presentar unha 'tapa de altura' e formar parte dunha actividade que, ademais do compoñente competitivo, pretende converterse nun escaparate para a restauración ordense. Entre as vantaxes de participar figura a promoción gratuíta nas redes sociais municipais e tamén na futura rede 'Ordes Gastronómico'.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 23 de marzo. As solicitudes poden formalizarse no departamento de Cultura do Concello de Ordes ou a través do teléfono 981 680 002, extensión 4.

Con este novo concurso, o goberno local aposta por dinamizar o sector hostaleiro, incentivar o consumo nos negocios da vila e atraer visitantes doutros concellos da contorna arredor dunha proposta que combina gastronomía, promoción económica e ambiente de rúa.

0.11804509162903