A hostalaría de Miño énchese de formación co arranque de 'Cociña Mariñeira'

O proxecto 'Cociña Mariñeira' botou a andar este luns 9 de febreiro en Miño coa posta en marcha dos seus obradoiros formativos dirixidos ao sector hostaleiro local. As sesións desenvolveranse na Casa do Pescador durante os meses de febreiro e marzo, co obxectivo de reforzar coñecementos e ferramentas prácticas para o traballo diario nos establecementos.
A apertura do programa estivo marcada por un acto institucional no que participaron o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo; o concelleiro delegado de Deporte, Turismo, Promoción Económica e Xuventude, José Manuel Pantín Morado; o presidente do GALP Ártabro Norte e patrón maior da Confraría de Pescadores de Miño, José Antonio Anido Núñez; e o secretario da confraría, Miguel Estévez Campos. Durante o encontro deuse a benvida ás persoas asistentes e subliñouse a relevancia da iniciativa para poñer en valor os produtos do mar e a gastronomía do municipio.
O calendario inclúe seis talleres nos que se tratarán cuestións como a optimización do servizo, as técnicas tradicionais aplicadas ao peixe e marisco da zona, novas propostas de cociña moderna, o uso creativo do produto local e a cociña sostible a través de receitas de aproveitamento.
Segundo destacou o Concello, a resposta do sector foi notable, con máis dunha quincena de establecementos inscritos. O programa nace para poñer en valor o produto mariñeiro, fortalecer a identidade culinaria do territorio e contribuír ao desenvolvemento económico e turístico de Miño a través da gastronomía.