A halterofilia cambresa fai historia cun ouro no Galego Absoluto

O Club Halterofilia Cambre asinou unha actuación histórica no Campionato Galego de Halterofilia Absoluto Masculino e Feminino 2026, celebrado no Polideportivo Municipal de Rábade, en Lugo.
A entidade conseguiu a súa primeira medalla de ouro nun Campionato Galego Absoluto desde a súa fundación en 2021, un fito que chegou da man de Iván García Ouviña. O deportista proclamouse campión na categoría de 65 quilos tras levantar 81 quilos en arrancada e 97 en dous tempos, cun total olímpico de 178 quilos.
A xornada tamén deixou outro resultado destacado para o club coa prata de Xiana Pérez Brión, que con só 17 anos rematou como subcampioa na categoría de 69 quilos. A levantadora completou 63 quilos en arrancada e 81 en dous tempos, marca persoal, para acadar un total olímpico de 144 quilos.
Desde o Club Halterofilia Cambre celebran estes resultados como un paso importante na consolidación dun proxecto deportivo novo, pero xa capaz de competir ao máximo nivel autonómico.