A gala solidaria con Palestina ‘Cultura contra a barbarie’ celébrase o mércores 13 de marzo na Coruña

ACoruñaXa
O espectáculo será no Teatro Rosalía de Castro e estará presentando pola actriz Isabel Risco e contará coa participación de artistas como Fillas de Cassandra, Xosé A. Touriñán e Xurxo Fernandez
Presentación da gala benéfica 'Cultura contra a barbarie' na Coruña
17 Feb 2024

Este venres presentouse no Palacio Municipal de María Pita a gala benefica 'Cultura contra a barbarie', un evento solidario co pobo palestino que promove o Concello da Coruña. Este acontecemento celebrarase o vindeiro 13 de marzo a partir das 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro.

"O Goberno de Inés Rey está comprometido coa paz e a xustiza no mundo, e desexa e demanda o fin do conflito e o remate da barbarie contra a poboación civil en Palestina. E por iso quixemos colaborar con este evento, ao que sumamos a grandes artistas do panorama galego, dos que gabamos o seu compromiso", sinalou o  concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro. A gala está organizada pola asociación Culturactiva e Pallasos en rebeldía que estivo representada por Iván Prado durante a presentación do evento.

O espectáculo estará presentado pola actriz Isabel Risco e contará coa participación de Fillas de Cassandra, Xosé A. Touriñán, Dani García, Xurxo Fernandez, Sue Moreno, Alfredo Muíño, Sahar Shatat e Iván Prado. Estes elenco de artistas galegos súmase así a outras celebridades do mundo da música como Rozalén, Coque Malla ou Ismael Serrano que xa expresaron o seu apoio á causa palestina, e que o público coruñés terá oportunidade de presenciar ao longo de 2024 na cidade.

As entradas terán un prezo único de 10 euros, e todo o que se recade irá destinado á Gaza Stars Circus School, unha entidade local coa que colabora Pallasos en Rebeldía, e que traballa directamente con nenos e nenas, proporcionándolles bens básicos como alimentos, medicinas e roupa.

0.19171094894409