A gala dos Mestre Mateo será no Coliseum da Coruña

ACoruñaXa
O estadio coruñes acolle por primeira vez, o 23 de marzo, a gala de entrega dos premios do audiovisual galego presentada por Miguel Canalejo e Lidia Veiga
Mestre Mateo 2024 presentación
Mestre Mateo 2024 presentación
31 ene 2024

Os Mestre Mateo celebraranse o sábado 23 de marzo no Coliseum nun espectáculo que estará presentado polos actores Lidia Veiga e Miguel Canalejo e dirixido pola dramaturga Noemi Rodríguez.

A presentación dos premios do audiovisual galego tivo lugar este martes na Filmoteca de Galicia, e contou coa presencia do concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, que acompañou aos presentadores e ao presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra. Tamén participaron a Deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Natividad de Jesús González; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil e o Director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias.

No transcurso do acto tamén se presentou o cartel dos premios (inspirado na estética vapor wave) e o eslógan da edición: "Hai alguén aí? Si?, Non? Si?", baseado no Xabarín Club. Gonzalo Castro destacou a importancia que o audiovisual ten para A Coruña, cidade onde José Sellier gravou o primeiro filme acreditado a nivel nacional. "O apoio do Goberno de Inés Rey á industria e ao sector audiovisual queda demostrado con feitos como esta gala dos Mestre Mateo, que este ano abrimos máis se cabe á cidadanía coa celebración desta gran festa no Coliseum", indicou Castro.

O sábado 23 de marzo daranse a coñecer no Coliseum coruñés as gañadoras e gañadores da vixésimo segunda edición dos Premios Mestre Mateo, á que concorren 173 producións e 493 profesionais. Trátase da primeira vez que o recinto acolle a entrega de premios.

As películas que participan nesta edición dos Premios Mestre Mateo obtiveron unha excelente resposta de público na súa estrea en salas de exhibición superando os 325.000 espectadores, o que supón un aumento do 48% con respecto ás cifras acadadas polas películas participantes na edición anterior.

A ficción televisiva tamén colleita salientables éxitos de audiencia nas diferentes plataformas de streaming e nas canles xeralistas, uns resultados que elevan o listón desmarcandose das cotas acadadas en anos anteriores.

Lidia Veiga e Miguel Canalejo serán os presentadores da gala

Os dous intérpretes, representantes desa Xeración do Xabarín, como lembrou o presidente da Academia, son rostros coñecidos para o público e xa pisaron a alfombra vermella dos premios en diversas ocasións. A actriz arzuá foi finalista en 2021 como mellor actriz de reparto polo seu papel de Uxía na serie A lei de Santos. Na súa intervención

Pola súa banda, o actor coruñés recibiu un Mestre Mateo en 2021 pola serie web Xan, que escribiu e protagonizou; tamén foi finalista en 2016 coa curtametraxe Quinta provincia e en 2020 coa serie web Clara Cortés.