A Gala da Cultura da Deputación recoñece o talento dos certames de 2025 no Teatro Colón

O Teatro Colón acolleu este mércores a V Gala da Cultura da Deputación da Coruña, unha cita coa que a institución provincial distinguiu as persoas e proxectos gañadores dos 19 certames culturais convocados ao longo do último ano. A celebración reuniu representantes do ámbito cultural galego nunha edición marcada pola reivindicación da creación como un piar esencial para o desenvolvemento social e económico do país.
A gala estivo conducida pola xornalista Susana Pedreira e polo actor e músico Xoán Fórneas, e contou coa actuación de Caamaño&Ameixeiras. A proposta artística xirou arredor da sorte como parte da identidade cultural galega, cunha escenografía inspirada nos sanandresiños de Santo André de Teixido, tamén presentes na ambientación exterior do teatro durante os días previos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, puxo o foco na necesidade de apoiar o talento sen condicionantes territoriais nin sociais. Na súa intervención, defendeu que a cultura non só enriquece a sociedade, senón que tamén xera actividade económica e emprego, cun sector que representa arredor do 3% do PIB galego e máis de 35.000 postos de traballo. Ademais, incidiu en que achegar a cultura a todos os concellos é unha forma de garantir igualdade real de oportunidades.
Pola súa parte, a deputada de Cultura, Natividade González, definiu a cultura como un dereito fundamental e unha ferramenta de transformación social, cohesión territorial e progreso colectivo. Tamén reivindicou o seu papel na construción da identidade e na defensa da lingua galega, ao tempo que reafirmou o compromiso da Deputación con políticas públicas que sitúen a cultura no centro da vida.
No transcurso da gala entregáronse os premios das diferentes convocatorias culturais da Deputación. No Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero foron recoñecidas Mala Herba Producións, na modalidade de iniciativa, e Illa Bufarda, na de traxectoria. O Premio Luis Seoane de Deseño recaeu en D-Due, mentres que o Premio José Gil de Cinema en Galego distinguiu a Ángela Andrada, Borja Casal Fraga e Margarita Ledo Andión.
Tamén recibiron galardón Regina Giménez, co Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica, e Juan de la Quintana, co Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica. O Certame de Arte Isaac Díaz Pardo premiou a Ana Gesto Beiroa, e o Premio Torrente Ballester de Narrativa recoñeceu as obras de Estro Montaña, en lingua galega, e Pablo Escudero Abenza, en lingua castelá.
Na banda deseñada, o Premio Castelao distinguiu a Manuel Barreiro e Elías Taño na modalidade xeral, e a Giovanna Lopalco na infantil e xuvenil. O Premio Manuel Murguía de Ensaio foi para Xosé Manoel Núñez Seixas e o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil para Antía Yáñez Rodríguez.
A relación de premiados completouse con Gael Ares e Emma Pérez xunto a Candela Caamaño, gañadores do concurso Quero Cantar nas categorías infantil e xuvenil, respectivamente. O Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical foi para Aitor Vázquez Torres, nas modalidades de orquestra e ensemble, e o Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais distinguiu a Belém Tajes.
Coa gala, a Deputación volveu converter o Teatro Colón nun escaparate da diversidade cultural galega e nun acto de recoñecemento ao talento creativo que cada ano emerxe das súas convocatorias públicas.