A Gala da Cultura da Deputación acende a conta atrás para a súa quinta edición

A Deputación da Coruña celebrará este xoves 16 de abril a V Gala da Cultura, unha cita que volverá converter o Teatro Colón nun gran escaparate da creación galega. A partir das 19.00 horas, o espazo coruñés reunirá artistas, escritoras e escritores, músicas e músicos, creadoras e creadores audiovisuais, deseñadoras e deseñadores e responsables de proxectos culturais que recibirán os premios convocados polo departamento provincial de Cultura ao longo de 2025.
A edición deste ano chega cunha novidade destacada, xa que incorpora novas categorías como os premios audiovisuais e de deseño, ampliando así o recoñecemento a ámbitos creativos que gañan peso dentro do panorama cultural galego. A gala estará ademais marcada por unha proposta artística arredor da sorte e da súa pegada na identidade de Galicia, tomando como símbolo os sanandresiños de Santo André de Teixido, que tamén protagonizaron nos últimos días a decoración da fachada do teatro.
A xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas conducirán a velada, que contará coa dirección artística de Thais Suárez e coa actuación musical de Caamaño&Ameixeiras. O acceso será de balde e as portas do Teatro Colón abriranse ás 18.30 horas para facilitar a entrada do público.
A deputada de Cultura, Natividade González, sinalou que esta quinta edición 'volve converter o Teatro Colón nun punto de encontro para recoñecer e poñer en valor o inmenso talento creativo que hai no noso país', ao tempo que destacou que a gala permite 'visibilizar o traballo de persoas e proxectos que enriquecen a cultura galega desde ámbitos moi diversos'.
Entre as persoas e entidades distinguidas nesta edición figuran Mala Herba Producións e Illa Bufarda, no Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero; D-Due, no Premio Luis Seoane de Deseño; Ángela Andrada, Borja Casal Fraga e Margarita Ledo Andión, no Premio José Gil de Cinema en Galego; Regina Giménez, no Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica; Juan de la Quintana, no Premio Luis Ksado de Creación Fotográfica; e Ana Gesto Beiroa, no Certame de Arte Isaac Díaz Pardo.
A relación de premiadas e premiados complétase con Estro Montaña e Pablo Escudero Abenza, gañadores do Premio Torrente Ballester de Narrativa; Manuel Barreiro e Elías Taño, xunto con Giovanna Lopalco, no Premio Castelao de Banda Deseñada; Xosé Manoel Núñez Seixas, no Premio Manuel Murguía de Ensaio; Antía Yáñez Rodríguez, no Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil; Gael Ares, Emma Pérez e Candela Caamaño, no concurso Quero Cantar; Aitor Vázquez Torres, no Premio Internacional Andrés Gaos de Composición Musical; e Belém Tajes, no Concurso Fran Pérez 'Narf' para grupos e artistas musicais.