A G-Night regresa con máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
A sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras celebrarase o 25 de setembro con propostas gratuítas para todos os públicos e coa participación de máis de 500 investigadores e investigadoras
presentacion-mnite-galega-investigadores-lugo
21 Sep 2026

A sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, regresará o vindeiro 25 de setembro con máis de 150 actividades gratuítas de divulgación científica nas sete principais cidades galegas. Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Ferrol acollerán durante a xornada propostas destinadas a achegar a ciencia á cidadanía, espertar vocacións científicas e ofrecer alternativas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.

A iniciativa foi presentada no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nun acto no que participaron representantes das tres universidades galegas, da Axencia Galega de Innovación, do CSIC e da Real Sociedad Española de Química. A vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, destacou que a G-Night pretende sacar a investigación dos laboratorios, centros de investigación, arquivos e aulas para achegala ao conxunto da sociedade.

Máis de 10.000 persoas participaron na pasada edición e este ano a organización prevé volver reunir milleiros de asistentes. Máis de 500 investigadoras e investigadores de toda Galicia participarán nunha programación que converterá diferentes espazos urbanos en laboratorios ao aire libre, con experimentos, demostracións e actividades prácticas.

Entre os escenarios previstos figuran o claustro do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela; a dársena da Mariña, na Coruña; o Mercado Municipal e a Praza de Abastos de Lugo ou o edificio Redeiras, en Vigo. A programación estenderase tamén a bares, prazas, parques, museos, centros de investigación e outros espazos públicos.

A G-Night incluirá expo-feiras científicas, roteiros, obradoiros, paseos en barco, xornadas de portas abertas e actividades en centros escolares, con propostas relacionadas con todas as ramas do saber e adaptadas a persoas de diferentes idades.

No caso de Santiago, os centros singulares de investigación da USC desenvolverán múltiples actividades no claustro do Colexio de Fonseca. En Lugo, preto dunha vintena de propostas desenvolveranse no Mercado Municipal e na Praza de Abastos da man do grupo de innovación docente XuvenCiencia e da asociación de investigadores e investigadoras Agromar.

A iniciativa galega naceu ao abeiro da European Researchers’ Night, un evento europeo que se celebra simultaneamente en máis de 460 cidades o último venres de setembro. A Universidade de Vigo coordina a edición de 2026, na que participan as tres universidades galegas, varios institutos do CSIC, os centros oceanográficos de Vigo e A Coruña do Instituto Español de Oceanografía e outros organismos de investigación como o CESGA, CITMAga, ECOBAS, FCEER, IDIS, IISGS e INIBIC.

A programación contará tamén en Lugo coa iTERRA Night, unha iniciativa do Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA) do Campus Terra da USC que se desenvolverá o 25 de setembro entre as 18.00 e as 22.00 horas no soto da Praza de Abastos. A proposta permitirá coñecer diferentes liñas de investigación a través de obradoiros e actividades prácticas sobre o ADN, as células, a saúde animal, os microminerais, a alimentación, o solo, as árbores ou a fibra óptica.

A iTERRA Night nace no marco da participación da USC no proxecto europeo WONDER – Where Our Next Discoverers Research e suma a súa programación ás actividades que o 25 de setembro achegarán a ciencia e a investigación á cidadanía en diferentes puntos de Europa.

0.14745903015137