A futura rede provincial pola igualdade mira ás Mariñas para reforzar o traballo local

A Deputación da Coruña dará un novo paso o vindeiro 13 de maio na súa aposta por reforzar as políticas de igualdade no ámbito local coa celebración do IV Encontro de Axentes de Igualdade. A cita, que terá lugar no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela, servirá para avanzar na creación dunha rede provincial de concellos pola igualdade e a diversidade e contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas.
A xornada reunirá persoal técnico das entidades locais vencellado ao deseño, desenvolvemento e avaliación deste tipo de políticas públicas, nun foro que busca consolidarse como espazo de encontro, intercambio de experiencias e coordinación entre administracións. O obxectivo é dar forma a unha estrutura estable de colaboración que permita reforzar o traballo municipal neste ámbito.
O programa combinará espazos participativos con intervencións de profesionais e expertas que achegarán experiencias xa en marcha noutros territorios. Entre elas figuran Berdinsarea, a rede municipal de igualdade do País Vasco, e a Rede de Municipios Libres de LGTBIfobia de Navarra, ademais de iniciativas impulsadas en Galicia como De Faro a Faro, en Ortegal, e o Comité de Ética en Intervención Social do Consorcio das Mariñas.
Con este encontro, a institución provincial quere dar continuidade ao traballo iniciado en anteriores edicións e abrir un proceso de codeseño que sente as bases da futura rede. As inscricións para participar xa están abertas.