A Fundación San Rafael abre a segunda edición do certame de microrrelatos 'Letras Inclusivas'

A Fundación San Rafael convoca a segunda edición do concurso de microrrelatos 'Letras Inclusivas', unha iniciativa coa que quere fomentar a creación literaria e contribuír á sensibilización social arredor da diversidade funcional e da realidade das persoas con discapacidade.
O certame volve despois da boa acollida da súa primeira edición, na que se presentaron máis de 500 traballos. Nesta nova convocatoria, a entidade busca consolidar o concurso como un espazo de reflexión a través da palabra escrita, no que as historias axuden a achegar outras realidades e a avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva.
A directora da Fundación San Rafael, Dolores Estrada, subliña que con 'Letras Inclusivas' pretenden 'non só recoñecer o talento literario, senón tamén xerar reflexión e sensibilización social a través de historias que acheguen a realidade das persoas con discapacidade'. Segundo destaca, 'a literatura ten a capacidade de cambiar miradas e axudarnos a construír unha sociedade máis inclusiva'.
Os microrrelatos deberán tratar sobre a diversidade funcional ou a realidade das persoas con discapacidade. Poderán participar persoas maiores de 18 anos residentes en España, con independencia da súa nacionalidade.
O xurado estará formado por profesionais do ámbito da comunicación e da cultura. Integrarano Luisa López Casanegra, xornalista e especialista en comunicación corporativa; Luis Fraga Pombo, consultor de comunicación corporativa e docente en Atresmedia Formación; e Ana Abelenda, xornalista. A valoración das obras realizarase de forma anónima.
O fallo darase a coñecer nun acto público que se celebrará o 3 de decembro na Coruña, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade. As bases do concurso poden consultarse na web da Fundación San Rafael.
A entidade, creada no ano 2015 por Benigna Peña Sánchez, cofundadora do Hospital San Rafael, mantén como obxectivo dar continuidade ao legado do doutor Rafael Hervada Sandéliz. A súa actividade céntrase na investigación, na formación dos profesionais sanitarios e no impulso de iniciativas sociais orientadas á saúde, á inclusión e ao apoio ás persoas que máis o precisan.