A Fundación Luís Seoane acolle o xoves unha xornada que abordará a brecha de xénero no deporte

ACoruñaXa
Durante a xornada participarán figuras do mundo do deporte como Claudia López, Irene Ferreras, Carmen Sánchez, Mar Barcón, Lía Muíño, Elena Roca e Silvia Carregal
Imaxe do cartel da xornada desde xoves na Funcación Luís Seoane sobre a desigualdade no deporte
11 Mar 2024

A Deputación da Coruña organiza o xoves, 14 de marzo, ás 19.30 horas., na sede da Fundación Luís Seoane, a xornada 'Brecha de xénero no Deporte' coa colaboración da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña. A actividade é gratuíta e aberta ao público ata completar aforo. Non é necesaria inscrición previa.

O simposio enmárcase nos actos organizados pola institución provincial arredor do Día Internacional da Muller. De feito, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, apelou o pasado 8 de marzo a facer “un traballo diario para facer visible o traballo das mulleres en todos os eidos, de cara a lograr unha igualdade plena”. O deporte é un deses espazos onde aínda queda un importante camiño por percorrer no eido da igualdade.

As poñentes abordarán diferentes situacións de desigualdade que hoxe en día persisten no mundo do deporte feminino. A fenda salarial das deportistas, a escasa presenza de mulleres no persoal directivo dos organismos deportivos ou a linguaxe de xénero, entre outros.

O papel da muller no deporte, que en moitas ocasións é relegada a un segundo plano, será outra das temáticas a abordar no simposio. De feito son moi poucas as mulleres que ocupan cargos directivos no eido deportivo, o que perpetúa os espazos masculinizados.

A xornada contará coa participación de mulleres destacadas no mundo do deporte coruñés como a xornalista deportiva e investigadora da UDC, Claudia López, que impartirá a conferencia inaugural sobre 'A linguaxe sexista na comunicación deportiva'; seguida dunha mesa redonda coa participación da adestradora do Dépor Abanca, Irene Ferreras; a campioa de España de xavelina, Carmen Sánchez; a cofundadora e directiva do Hockey Club Coruña feminino, Mar Barcón; a xogadora do Dépor Abanca Lía Muíño; da exxogadora internacional de rugby e directora técnica e vicepresidenta do CRAT A Coruña, Elena Roca e da directora do xornal deportivo As Nosas Deportes - O xornal da muller no deporte en Galicia, Silvia Carregal, que moderará o encontro.

 

0.17650389671326