A Fundación Juana de Vega oferta un curso de propagación de froiteiras e técnicas de cultivo

ACoruñaXa
É unha formación técnica práctica en fruticultura que se impartirá entre o CFEA de Guísamo de Bergondo (AGACAL) e a sede da Fundación Juana de Vega
Imaxe de árbores con froitas
30 Mar 2024

A Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) abren a inscrición no Curso de propagación de froiteiras e técnicas de cultivo, incluído na formación de Fruticultura 2024.

A formación impartírase en 12 sesións entre o 9 de abril e o 6 de xuño, en horario de 16.00 a 20.00 horas no CFEA de Guísamo (Bergondo) e na Fundación Juana de Vega (San Pedro de Nós, Oleiros). Hai un total de 20 prazas dispoñibles e os interesados poden anotarse a través do formulario habilitado na web da Fundación. O coste é de 100 euros.

Neste sentido, durante as 60 horas de formación, os asistentes farán un repaso a diferentes producións frutícolas de interese na nosa comunidade, desde as máis difundidas como as maceiras, castiñeiros e kiwi ata outras menos estendidas como cítricos, aguacate, oliveiras ou pequenos froitos. Na parte práctica, estudaranse diversas técnicas de cultivo como estacaxe, sementeira, acodo mediante corte e recalce, ou enxerta.

Na parte final da formación, reserváronse un par de sesións para coñecer as enfermidades e as pragas das froiteiras, así como os tratamentos fitosanitarios máis axeitados para o seu control, desde o enfoque dun uso racional. Deste xeito, reducirase tanto o risco para a saúde humana como para o medio ambiente minorando, así mesmo, os custos de produción. O programa inclúe ademais unha visita de campo.

A xornada de clausura será en decembro, momento no que se fará entrega dos diplomas e se organizará unha cata e degustación de froitos frescos e transformados.

FUNDACIÓN JUANA DE VEGA | AF Cartel curso Fruticultura | Módul
0.19870781898499