A Fundación Juana de Vega acolle unha xornada sobre viticultura sostible e infraestrutura verde no territorio da IXP Betanzos

Os socios galegos do proxecto ECOSPHEREWINES celebran mañá, mércores 29 de outubro, a xornada 'Infraestrutura verde na viticultura do territorio da IXP Betanzos', un encontro destinado a afondar nas relacións entre sustentabilidade, produción vitícola e conservación da biodiversidade.
A actividade desenvolverase entre as instalacións da Fundación Juana de Vega, en Oleiros, e a parcela experimental de A Picha, en Paderne. O programa inclúe relatorios sobre servizos ecosistémicos, mellora da biodiversidade, cubertas vexetais e prácticas agrícolas baseadas na natureza, con exemplos de aplicación directa no territorio betanceiro.
Entre os poñentes estarán investigadores e técnicos da propia Fundación Juana de Vega, da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, das universidades galegas e de adegas de referencia. Ademais, os asistentes poderán participar nunha visita guiada á parcela experimental de Pagos de Brigante, onde se amosan técnicas de recuperación sostible do viñedo.
A xornada pecharase cunha cata comentada de viños de Betanzos, conducida por Luis Sande e Guillaume Barrier, de Pagos de Brigante, que explorará o potencial das variedades locais como exemplo de equilibrio entre tradición e innovación no sector vitivinícola galego.