A fotografía como memoria histórica centra unha mesa redonda na Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Deputación reunirá o luns 22 de xuño na Real Academia Galega de Belas Artes a Mónica Carabias e Jesús Rocandio dentro da programación do Premio Luís Ksado
DIPU CORU mesa redonda foto
21 Jun 2026

A fotografía como ferramenta para conservar a memoria colectiva será o eixo dunha mesa redonda organizada pola Deputación da Coruña o vindeiro luns 22 de xuño. O encontro, titulado 'A fotografía como patrimonio histórico: arquivos, conservación e difusión', celebrarase ás 19.00 horas na sede da Real Academia Galega de Belas Artes, na praza do Pintor Sotomayor número 1, na Coruña.

A actividade forma parte da programación complementaria do XX Premio Internacional Luís Ksado de Creación Fotográfica, impulsado pola área de Cultura da institución provincial. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do espazo.

A cita contará coa participación de dous especialistas de referencia no ámbito da fotografía e da conservación da imaxe: Mónica Carabias e Jesús Rocandio. O debate será presentado pola deputada de Cultura, Natividade González, e estará moderado polo fotógrafo Xurxo Lobato.

Mónica Carabias é historiadora da arte, investigadora e comisaria independente. A súa traxectoria está vencellada ao estudo, análise e divulgación da fotografía contemporánea, así como á posta en valor do patrimonio visual e á xestión de arquivos fotográficos.

Pola súa banda, Jesús Rocandio é fotógrafo, xestor cultural e fundador de La Casa de la Imagen en La Rioja, un espazo dedicado á formación, á produción audiovisual e á recuperación e dixitalización de arquivos históricos. A súa experiencia achegará unha visión práctica sobre os retos actuais da conservación, difusión e coleccionismo da fotografía.

Con esta proposta, a Deputación busca abrir un espazo de reflexión sobre o papel da imaxe como documento histórico e sobre a importancia de preservar os arquivos fotográficos como parte esencial da memoria cultural.

0.12191700935364