A forza feminina guía unha Tempada Lírica con estrea galega e regreso histórico

A Coruña volverá situarse este ano no mapa da ópera coa 74ª Tempada Lírica, unha programación que comezará en setembro e que terá como eixo principal a forza feminina, con dúas grandes producións no centro da escena: 'Jenůfa', de Leoš Janáček, e 'Tosca', de Giacomo Puccini.
A nova edición foi presentada no Concello da Coruña coa participación de representantes das institucións colaboradoras e da Asociación Amigos da Ópera, a entidade lírica máis antiga de España. A Deputación da Coruña manterá o seu apoio a unha cita que, segundo destacou o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, forma parte da identidade cultural da cidade e é 'un dos grandes motores culturais da provincia'. A Xunta tamén colaborará coa programación cunha achega destinada á representación de 'Jenůfa'.
A gran novidade chegará os días 17 e 19 de setembro no Palacio da Ópera coa estrea absoluta en Galicia de 'Jenůfa', unha das obras máis singulares do repertorio moderno. A Coruña converterase así nunha das poucas cidades españolas que levaron a escena esta ópera de Janáček, nunha coprodución entre Amigos da Ópera da Coruña e Ópera Garage Producciones.
A produción contará coa dirección escénica de Emiliano Suárez e coa soprano Vanessa Goikoetxea como protagonista. A obra, centrada no perdón, na presión social e na experiencia feminina, reunirá arredor de 200 artistas, coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia e do Coro Gaos.
A tempada terá tamén outro dos seus grandes momentos os días 22 e 24 de outubro, cando 'Tosca' regrese ao Palacio da Ópera despois de 22 anos fóra da programación coruñesa. A obra de Puccini contará con Miren Urbieta-Vega no papel protagonista, Ragga Eldin como Cavaradossi e Carlos Álvarez como Scarpia, nun dos títulos máis esperados polo público lírico.
Máis alá das grandes representacións, a programación incluirá preto dunha vintena de actividades repartidas por distintos espazos da cidade. Haberá conferencias introdutorias, unha nova colaboración con Viñetas desde o Atlántico, proxeccións de ópera e cinema, recitais de lírica inclusiva e a décima edición do curso de interpretación vocal, dirixido por Carlos Álvarez.
Un dos apartados máis sociais será o programa 'Ópera para nenos', que achegará a lírica a máis dun milleiro de estudantes da cidade e da súa área de influencia. Nesta edición, ademais, a actividade chegará tamén ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, para que nenos e nenas ingresadas, as súas familias e o persoal sanitario poidan participar na experiencia.
A lírica inclusiva ampliará tamén o seu alcance coa colaboración co Festigual e ofrecerá recitais gratuítos no Centro Cívico de Monte Alto, no Círculo de Artesáns e no Fórum Metropolitano. A programación completarase en novembro con proxeccións en Afundación e na Filmoteca de Galicia.
A venda de abonos e entradas para persoas asociadas abrirase a finais de maio nas oficinas de Amigos da Ópera. O público xeral poderá adquirir as súas localidades desde comezos de xuño a través de Ataquilla, na praza de Ourense e, nos días de función, tamén na billeteira do Palacio da Ópera.