A fonte da Diana Cazadora recuperará a súa imaxe histórica tras unha intervención integral

A fonte da Diana Cazadora, unha das imaxes máis recoñecibles do patrimonio urbano de Betanzos, será obxecto dunha intervención integral para mellorar o seu estado de conservación e recuperar a súa estética orixinal. Os traballos xa comezaron e desenvolveranse ao longo dos próximos días.
A actuación céntrase, en primeiro lugar, na reparación das filtracións que a fonte viña sufrindo desde hai tempo debido ao desgaste da pedra. Aínda que xa se realizaran intervencións anteriores, o Concello sinala que non foran suficientes para resolver o problema de maneira definitiva.
Nesta nova fase empregaranse produtos especializados que respecten a pedra orixinal e permitan garantir a súa conservación a longo prazo. Tamén se levará a cabo unha limpeza específica do óxido acumulado, utilizando técnicas adaptadas a elementos patrimoniais e ornamentais.
A intervención incluirá ademais o pulido dos chorros de auga, co obxectivo de mellorar tanto o seu funcionamento como a súa imaxe. Outro dos traballos previstos será a recuperación das letras douradas nas que figura o nome de Betanzos e a data de creación da fonte, elementos cun importante valor simbólico para a cidade.
A estrutura será tamén repintada co característico 'verde Betanzos', unha cor tradicional presente en diferentes elementos do mobiliario urbano e vencellada á identidade visual da cidade.
Esta actuación forma parte da estratexia municipal de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico e dos espazos públicos. O obxectivo é preservar os elementos singulares que forman parte da memoria urbana de Betanzos e mellorar a calidade estética dos seus espazos máis representativos.