A folga no comercio de alimentación da Coruña volve deixar supermercados baixo mínimos e plataformas loxísticas paralizadas

A quinta xornada de folga no comercio de alimentación da provincia da Coruña deixou este venres tendas pechadas, supermercados funcionando baixo mínimos e plataformas loxísticas sen actividade, segundo informou a CIG. O sindicato sostén que o amplo seguimento da convocatoria, que continuará este sábado e domingo, responde ás propostas que considera insuficientes presentadas pola patronal durante o proceso de mediación.
A organización sindical afirma que a mobilización chega despois de que a mediación solicitada pola patronal rematase sen acordo. Segundo explica, as reunións celebradas esta semana concluíron sen avances significativos, ao considerar que o empresariado apenas modificou as súas propostas.
O representante da CIG na mesa de negociación, Roberto Pérez, sostén que “o que ofrecen Gadis e Froiz -que controlan o convenio provincial- non é o que necesitan as persoas traballadoras deste sector. O persoal quere mellores salarios, mellores horarios e que se lle recompense a antigüidade”.
Pérez tamén critica que durante a mediación a patronal “non quixera entrar a negociar os puntos principais e mesmo intentara facer unha xogada, explicando de maneira confusa un concepto para enganarnos”.
A pesar de que a mediación finalizou sen acordo, desde o sindicato subliñan que a negociación do convenio continúa aberta. Neste sentido, o representante da CIG asegura que “nós queremos seguir negociando e é neste marco onde consideramos que se poden conseguir avances nos dereitos. Pero tócalle á patronal mover ficha”.
A central sindical considera que o impacto da folga está a ser importante, malia que, segundo denuncia, as empresas intentan minimizar os seus efectos ante a clientela. A este respecto, asegura que Gadis deu instrucións para manter abertas as tendas “aínda que sexa só con dúas persoas eventuais”.
A CIG advirte de que, se non se producen avances nas negociacións que permitan alcanzar un acordo, as mobilizacións continuarán durante o mes de agosto. O sindicato insiste en que o persoal reclama un convenio que inclúa melloras salariais, unha redución da xornada laboral, máis fins de semana de descanso, unha compensación polo traballo obrigatorio en domingos e unha retribución adecuada da antigüidade.
Ademais, a organización sindical resta importancia á demanda presentada por Gadis contra os sindicatos e o comité de folga, na que reclama máis de 1,2 millóns de euros polas perdas atribuídas ás anteriores convocatorias. Segundo Roberto Pérez, este tipo de actuacións “non van amedrentarnos”, nin impedirán que continúen as mobilizacións ata conseguir “un convenio digno”.