A folga do siderometal levará mañá a protesta á Grela, Ferrol e Santiago

GaliciaXa | ACoruñaXa
CIG, CCOO e UGT convocan a primeira das tres xornadas de paro na provincia da Coruña para reclamar un convenio colectivo 'digno'
A CORUÑA folga metal
18 May 2026

A primeira das tres xornadas de folga convocadas no sector do siderometal da provincia da Coruña desenvolverase mañá, martes 19 de maio, cunha mobilización central na cidade herculina e con protestas tamén en Ferrol e Santiago de Compostela. As centrais sindicais CIG, CCOO e UGT chaman o persoal do sector a secundar os paros en defensa dun convenio colectivo 'digno'.

Na Coruña, os piquetes informativos estarán desde primeira hora nos polígonos de Alvedro e Sabón. Posteriormente, contra as 9.30 horas, reuniranse no polígono da Grela, onde se concentrará boa parte da actividade reivindicativa da xornada. A manifestación principal na cidade sairá ás 12.00 horas da rotonda da Grela, no cruzamento da avenida de Arteixo con Enrique Salgado Torres. A marcha continuará pola rolda de Outeiro e a rúa Alcalde Pérez Ardá até rematar na praza de Luís Seoane, diante da sede da patronal.

A convocatoria tamén terá presenza en Ferrol, onde os piquetes informativos comezarán ás 5.00 horas nas portas de Navantia. Ás 12.00 horas está prevista a xuntanza dos distintos piquetes e unha asemblea no aparcadoiro do campo de fútbol do polígono da Gándara. Ao remate, os participantes sairán en manifestación polas rúas do parque empresarial. En Santiago de Compostela, os piquetes reuniranse desde as 7.30 horas no polígono do Tambre. A mobilización sairá ás 12.30 horas desde a antiga fábrica de Donuts e percorrerá o parque empresarial.

Os sindicatos buscan con esta folga presionar na negociación do convenio provincial do siderometal, un sector cun importante peso industrial e laboral na Coruña, Ferrolterra e a área de Compostela. A convocatoria na provincia da Coruña chega poucos días despois de que en Pontevedra a patronal do metal acadase un preacordo con CCOO e UGT para o convenio provincial, aínda sen o apoio da CIG. Ese principio de pacto inclúe unha suba salarial acumulada do 15% entre 2026 e 2029, mais non frea a presión sindical na Coruña, onde as centrais manteñen a folga ao entender que a negociación segue sen ofrecer unha resposta suficiente ás demandas do persoal.

0.12486481666565