A folga do metal paraliza de novo a actividade na provincia e eleva a presión sobre a patronal

GaliciaXa | ACoruñaXa
A CIG denuncia o bloqueo do convenio e advirte de que o conflito continuará con novas mobilizacións este mércores, o 30 de xuño e o 1 de xullo
A CORUÑA folga metal 16.06.2026
16 Jun 2026

A sétima xornada de folga no sector do metal da provincia da Coruña volveu rexistrar este martes un seguimento maioritario, segundo a CIG, cun impacto especialmente visible nas grandes industrias e nos principais polígonos, onde a actividade quedou practicamente paralizada.

A central sindical acusa a patronal de manter bloqueada a negociación do convenio colectivo e de dificultar calquera avance nun conflito que afecta a milleiros de traballadores e traballadoras. Ademais dos piquetes informativos, a protesta trasladouse ás rúas de Compostela, Ferrol e A Coruña.

En Compostela celebrouse unha asemblea informativa no Tambre, mentres que en Ferrol tivo lugar unha manifestación con saída desde a porta principal de Navantia. Na Coruña, o persoal concentrouse na zona do Obelisco coincidindo cun foro económico no que participaron representantes empresariais e políticos.

O voceiro da CIG-Industria na mesa do convenio, Eduardo Caamaño, advertiu de que a situación da negociación se está agravando e reclamou unha maior implicación ante un conflito que, segundo subliñou, ten consecuencias tamén noutras actividades económicas.

A folga continuará este mércores, 17 de xuño, ante a falta de acordo e a ausencia dun calendario de novas reunións. A CIG critica que a patronal presentase unha proposta que cualifica de insuficiente, cun incremento salarial do 0,25% e unha vixencia do convenio de catro anos.

O sindicato asegura que a representación social trasladou unha nova proposta para tentar achegar posturas, pero denuncia que a patronal non quixo entrar a valorala nin formulou unha alternativa. Neste escenario, mantéñense as convocatorias de folga previstas para o 30 de xuño e o 1 de xullo.

Para este mércores están convocadas manifestacións na Coruña ás 11.00 horas, con saída da Praza de Tabacos e remate diante da Xunta en Monelos; en Compostela ás 12.00 horas, desde Facenda en Salgueiriños ata a Alameda; e en Ferrol ás 12.00 horas, desde Navantia ata a Praza de Armas.

0.14452791213989