A Filmoteca de Galicia mira ao ceo para abrir xuño cun ciclo sobre eclipses

A Filmoteca de Galicia arranca xuño mirando ao ceo. A programación do mes abrirase este martes cunha sesión dedicada aos eclipses, unha proposta que chega da man da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico e que converterá a sala José Sellier nun espazo para observar os astros a través da pantalla. O punto de partida será ‘O obturador cósmico’, unha selección de filmes sobre movementos celestes que contará coa presentación da cineasta e crítica Elena Duque.
A elección do tema non é casual. A Coruña será un dos lugares destacados para contemplar a eclipse solar total prevista para o 12 de agosto, e a (S8) toma este fenómeno como unha das imaxes centrais da súa edición. Por iso, a Filmoteca propón unha viaxe cinematográfica que vai desde Georges Méliès ata creadoras e creadores contemporáneos, explorando como o cinema mirou ao ceo, á sombra e aos cambios de luz ao longo do tempo.
A presenza da (S8) continuará durante os primeiros días de xuño con varias sesións especiais. O público poderá achegarse a filmes recentes no bloque ‘Sinais 1’, compartir conversa co cineasta John Porter ou descubrir o traballo de Els van Riel en ‘Gradual Speed’. A semana completarase cunha xornada dedicada á Kinothek Asta Nielsen, que incluirá unha masterclass e un programa presentado por Karola Gramann e Heide Schlüpmann.
O mes tamén servirá para despedir a primeira edición de ‘Territorios mutantes’, o ciclo co que a Filmoteca abriu novas miradas sobre o cinema contemporáneo. O peche estará dedicado aos imaxinarios queer, con dúas sesións con coloquio. O día 9 proxectarase ‘Duas vezes João Liberada’, coa presenza da directora Paula Tomás Marques, e o día 10 será a quenda de ‘Queer-me’, con Irene Bailo Carramiñana. Ambas propostas terán entrada de balde.
A programación manterá esa liña con títulos recentes como ‘Un día con Peter Hujar’, ‘Misericordia’, ‘Pillion’ ou ‘La misteriosa mirada del flamenco’, que completarán un percorrido por identidades, afectos e formas diversas de habitar o mundo desde a pantalla.
A parte didáctica chegará o día 12 coa clausura de ‘Cinema en curso’ 2025-2026. Nesta sesión presentaranse os filmes realizados por alumnado galego participante no programa, unha iniciativa que achega a creación audiovisual ás aulas e que a Filmoteca desenvolve en colaboración coa asociación A Bao A Qu.
O peche da temporada antes do verán terá lugar o día 30 cunha das citas máis singulares do mes. A Filmoteca proxectará ‘Onte á noite conquistei Tebas’, de Gabriel Azorín, unha película filmada case integramente na escuridade nas termas de Bande. Tras pasar por festivais como Venecia ou a Seminci, o filme chegará á sala José Sellier antes da súa estrea comercial, prevista para o 28 de agosto.
A sesión completarase co ‘Encontro da noite’, unha conversa entre Gabriel Azorín e Xosé Cobas organizada en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Será unha despedida de temporada moi ligada á escuridade, á observación e á maneira na que o cinema é capaz de contar tamén aquilo que apenas se ve.
Entre as propostas máis chamativas de xuño figura tamén a proxección de ‘Kill Bill: The Whole Bloody Affair’ o día 25, na súa versión completa, en 35 milímetros e con subtítulos en galego. A carteleira incluirá ademais películas de Salvador Sunyer, Jonás Trueba, Hong Sang-soo e Jim Jarmusch, xunto con dúas sesións de ‘Off Galicia’ con presentación e entrada de balde: ‘Todo pode esperar’, de Borja Casal, e ‘Guerra civil, presidio o exilio (Tríptico)’, de Alicia López Méndez e Javier López Rodríguez.