Presentada a XXII Festa do Pan, a gran cita gastronómica de Carral

ACoruñaXa
A celebración terá lugar os días 9 e 10 de maio con máis de 24 horas de actividades arredor do produto máis emblemático do municipio
CARRAl presentacion festa do pan
5 May 2026

O Concello de Carral e a Asociación de Panadeiros ultimaron xa os detalles da XXII Festa do Pan, unha cita consolidada no calendario gastronómico da comarca que se celebrará o sábado 9 e o domingo 10 de maio. O evento chega este ano cun programa que superará as 24 horas de actividade e que volverá poñer no centro un dos produtos máis recoñecidos do municipio.

A presentación oficial tivo lugar no Concello coa participación do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, da concelleira de Comercio, Isabel López, e de representantes da Asociación de Panadeiros. Tamén asistiron varios membros da corporación municipal e o alumnado de 4ºA do CEIPP Vicente Otero Valcárcel, autores do cartel desta edición.

O rexedor agradeceu o traballo das panadarías participantes, ás que definiu como 'unha peza esencial en Carral', e salientou o esforzo que realizarán estes días para compaxinar a súa actividade diaria coa preparación da festa. Pola súa banda, Isabel López destacou que o programa busca chegar a todos os públicos e animou á veciñanza a seguir difundindo esta celebración para que continúe medrando en asistencia.

Durante a fin de semana non faltará o posto de exaltación e venda do bocadillo cardiosaudable, elaborado con pan, aceite, tomate e xamón. Tamén haberá obradoiros infantís de elaboración de bolos, teatro, música, feira medieval, propostas de animación e o expositor Pan en 3D, que permitirá realizar unha visita virtual e inmersiva a un obradoiro. A organización confía en igualar ou mesmo superar as cifras da última edición, na que se venderon arredor de 6.000 bocatas.

A programación comezará xa o venres 8 de maio coa Gran Foliada organizada pola Comisión de Festas de Carral. Entre as 18.00 e as 20.00 horas haberá xogos populares infantís e, a partir das 20.00 horas, celebrarase unha foliada coa participación de diferentes agrupacións populares.

O sábado 9, a actividade arrancará ás 12.00 horas coa apertura dos puntos de exposición e venda de pan e do bocadillo cardiosaudable, os obradoiros de pan e xoguetes de madeira e a feira medieval, con postos de coiro, téxtil, bixutería e artesanía. A animación musical chegará da man de Gaeloc Medieval, con actuacións ás 12.30 e ás 13.30 horas, mentres que ás 14.00 horas terá lugar a sesión vermú co Dúo D’Vicio.

Pola tarde, a charanga Noroeste percorrerá o Campo da Feira e as rúas do municipio desde as 16.00 horas. O alumnado do IES de Carral representará a obra teatral ‘O toxo’ na praza da Capela ás 16.30 horas, cunha segunda función ás 18.00 horas. A xornada continuará con novos pases de Gaeloc Medieval, espectáculos de zancudos e malabaristas e, desde as 21.00 horas, a verbena co Dúo D’Vicio e o grupo América de Vigo.

O domingo 10 de maio, a festa retomarase ás 11.00 horas coa reapertura da zona de venda, a feira medieval, os expositores de asociacións e centros educativos e os obradoiros de pan e pulseiras de coiro. Ás 12.30 horas celebrarase a misa solemne e a posterior procesión, coa Coral Polifónica Aires de Carral e o Grupo de Música Tradicional Arnela.

A sesión vermú estará protagonizada pola Orquestra Acordes ás 14.00 horas. Xa pola tarde, a charanga Sorcha Show Band animará o Campo da Feira e ás 17.00 horas terá lugar o espectáculo ‘Rufina e Benito’, no que se repartirán anacos de pan de Carral entre o público. A XXII Festa do Pan despedirase a partir das 20.00 horas cunha nova actuación da Orquestra Acordes.

0.11930894851685