A Festa do Cabalo de Teixeiro reúne a numerosos afeccionados na súa 25 edición

O Concello de Curtis celebra este domingo a XXV Festa do Cabalo de Teixeiro, unha cita xa consolidada no calendario estival da comarca e que está a contar cunha importante afluencia de visitantes e participantes chegados de distintos puntos de Galicia. As actividades da mañá estiveron centradas no Concurso Morfolóxico Oficial da Copa Galicia e nas probas de andadura, que atraeron a numerosos amantes do mundo ecuestre.
Ao longo da xornada desenvolvéronse as distintas categorías do concurso, entre elas as de sementais, eguas, cabalos cruzados e ponis, así como as competicións de andadura tanto federadas como non federadas. O evento, promovido pola Área de Promoción Económica do Concello, mantense como unha das principais referencias das celebracións vinculadas ao sector ecuestre na provincia.
O programa continuará durante a tarde co Campionato Galego de Enganches nas modalidades de troncos, limoneira e ponis. Posteriormente celebrarase o espectáculo ecuestre Paco Martos Horse Show, unha das actividades máis esperadas desta edición.
A entrega de premios aos participantes realizarase ao remate das competicións e dará paso ao sorteo dun equipo completo de equitación. O peche oficial da festa correrá a cargo da directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Mar Ferreiro Broz.
O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, mostrou a súa satisfacción pola resposta do público e destacou a implicación das persoas participantes e das entidades colaboradoras para facer posible unha nova edición desta celebración. A festa conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Asociación Pura Raza Cabalo Galego e da Federación Hípica Galega.