A Festa da Lingua enche As Torres de Oleiros dunha xornada de música, teatro, xogos e maxia

O parque das Torres e o teatro de Santa Cruz converteranse este sábado no epicentro da Festa da Lingua, unha cita organizada polo Concello de Oleiros que volve reunir actividades culturais, música, teatro, xogos populares e espectáculos pensados para o público familiar.
A programación comezará pola mañá, ás 11.00 horas, con Momento musical para bebés, de Lydia Botana, unha proposta dirixida a crianzas de entre 0 e 3 anos. Máis tarde, ás 12.30 horas, será a quenda de Carapuchiña, da compañía Pedras de Cartón, recomendada para nenos e nenas maiores de 4 anos.
Xa pola tarde, desde as 16.00 horas, o parque acollerá unha sesión de xogos populares aberta a todos os nenos e nenas que queiran participar, sen necesidade de inscrición previa. A iniciativa busca encher As Torres dun ambiente lúdico e participativo, recuperando xogos tradicionais nun espazo ao aire libre.
A actividade continuará ás 17.00 horas con Levántate Xan, de Caxoto, unha función para crianzas de 0 a 3 anos ambientada no día a día dunha granxa, con animais, pequenas historias e cantigas. Ás 18.00 horas chegará un espectáculo de maxia a cargo do mago Joshua Kenneth, pensado para gozar en familia.
O peche da xornada terá lugar ás 19.00 horas co concerto A banda dos insectos, unha proposta de rock en galego para maiores de 3 anos que combina diversión coa transmisión de valores como o compañeirismo, o respecto, a igualdade e a solidariedade.
Para participar nas actividades con inscrición previa é necesario anotarse desde o luns 11 de maio a través da web do Concello de Oleiros.