A festa anual da AAVV Díaz Porlier reunirá veciñanza e familias nun xantar popular en Merelle

A Asociación Veciñal Díaz Porlier celebrará o vindeiro 30 de maio a súa festa anual cunha xornada de convivencia no local social de Merelle. A entidade organiza esta cita en colaboración co Concello de Ordes, cun programa pensado para reunir á veciñanza arredor da mesa e completar o día con música e propostas de lecer para os máis pequenos.
O eixo central da celebración será un xantar popular con sabor marcadamente galego. O menú estará composto por empanada, polbo e churrasco mixto con patacas fritas, ademais de sobremesas tradicionais como larpeira e bica. A oferta completarase con refrescos, auga, viño tinto e branco, café e vasos de chopo.
A programación continuará pola tarde con actuacións musicais e inchables para a rapazada. A maiores, os nenos e nenas contarán tamén con merenda a cargo da propia asociación, nunha proposta que busca converter a festa nun encontro aberto a persoas de todas as idades.
No tocante aos prezos, o custo do xantar será de 37 euros para as persoas socias e de 42 euros para as non socias. No caso da rapazada de entre 6 e 12 anos, o prezo fixado é de 18 euros, mentres que os nenos e nenas de ata 5 anos poderán asistir de balde.
As persoas interesadas en participar deberán retirar os tíckets antes do 20 de maio. Poderán facelo en Rama Peluquero e na Peluquería Zibá.