A ferrolá María Alonso convértese na primeira presidenta da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia
Unha nova presidenta liderará ás persoas xordas de Galicia no próximos catro anos. Trátase da ata o de agora secretaria xeral da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), María Alonso Mesia, que recolle a testemuña do presidente saínte, Iker Sertucha.
Natural de Ferrol pero residente en Sarria, María é mediadora comunicativa e especialista en lingua de signos. Ademais de ser ela mesma unha muller xorda que vive en primeira persoa as barreiras ás que se enfronta o colectivo, tamén é nai de dous fillos con discapacidade auditiva, algo que reforza a súa motivación para seguir alcanzando melloras que favorezan o pleno desenvolvemento e inclusión das persoas xordas en todas as etapas da súa vida.
A substitución fíxose oficial este xoves a través dun acto de toma de posesión celebrado na Fundación Barrié e no que participou a Conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen quixo mostrar unha vez máis o seu apoio e proximidade co colectivo de persoas xordas e a entidade que o representa. Asistiron ademais representantes das administracións públicas e institucións galegas, de entidades privadas, doutras organizacións da discapacidade e tamén dos diversos grupos políticos.
A FAXPG, que este ano celebra o seu 45 aniversario, representa ás principais asociacións de persoas xordas galegas, cunha base social que agrupa a preto de 800 socios e socias. Ademais, ofrece servizos especializados para as persoas xordas e as súas familias, dos que anualmente se benefician directamente máis de 1.500 persoas e outras 2.500 de forma indirecta.