A Feira Modernista presenta tres noites de jazz, swing e sons de Nova Orleans no Paseo Marítimo

A Feira Modernista de Sada 2026 xa ten banda sonora. A programación de concertos levará ao Paseo Marítimo tres noites de música cunha proposta pensada para reforzar a ambientación dun dos eventos máis singulares do verán no municipio.
O cartel aposta polo jazz clásico, o swing, os sons de Nova Orleans e a estética retro como fío condutor dunha edición que combinará música en directo, elegancia e espírito modernista. As actuacións desenvolveranse entre o 31 de xullo e o 2 de agosto, coincidindo coas xornadas centrais da feira.
A primeira cita será o 31 de xullo con Mery Lafuente, que achegará un espectáculo con personalidade propia, forza escénica e sonoridades inspiradas nos cabarés e clubs musicais de comezos do século XX. A súa proposta abrirá unha programación marcada polo coidado da estética e pola conexión coa atmosfera da época.
O 1 de agosto será a quenda de Manu Gómez New Orleans Band e Hot Chocolates. A primeira formación levará a Sada un repertorio centrado no jazz tradicional, o swing e os ritmos clásicos americanos. A noite completarase con Hot Chocolates, unha banda de carácter festivo que aposta por directos cheos de enerxía e improvisación.
A programación pecharase o 2 de agosto con St. James Dixie Band e Marian Ledesma. O son dixie e o jazz máis elegante protagonizarán a última xornada, cunha combinación entre o ritmo dinámico da banda e a voz cálida de Ledesma, pensada para crear unha atmosfera máis íntima no remate da feira.
Con esta proposta musical, a Feira Modernista de Sada reforza a súa identidade como unha cita que vai máis alá da recreación histórica. A música converterase nun dos elementos centrais para transformar o Paseo Marítimo nun espazo de encontro arredor da cultura, a estética modernista e a celebración popular.