A Feira Medieval de Betanzos ultima os preparativos para a edición deste ano

ACoruñaXa
A edición deste ano da Feira Franca Medieval de Betanzos contará con máis postos na súas rúas e máis días de celebración
Imaxe dunha edición anterior da Feira Medieval de Betanzos
28 Maio 2024

Betanzos ultima os preparativos da XXV edición da Feira Franca Medieval, unha edición especial que este ano, coincidindo con ese 25 aniversario, terá diversas novidades. A primeira, a duración. A edición deste ano comezará o xoves día 11 de xullo ata o domingo 14. E máis actividades xa que ao longo da semana haberá diversos actos e eventos para pór en valor tanto a Feira Medieval como a historia e cultura da cidade.

No referido aos postos, esta edición bateu a marca en canto a solicitudes o que demostra que a cita medieval de Betanzos segue sendo un referente deste tipo de celebracións. Non en balde, tanto na caseta que Betanzos tivo na edición deste ano de Fitur, como posteriormente no propio Concello, foron varios municipios de distintas comunidades e tamén galegos os que se interesaron por esta celebración, uns desde un punto organizativo, e outros para poder visitala durante esa fin de semana de xullo.

Este recoñecemento tamén se reflicte no número de solicitudes de postos de venda. Este ano bateuse a marca con máis de 365 peticións. As características do centro histórico, as súas rúas, e as medidas de seguridade fan inviable que poidan instalarse máis aló de 140 postos para a edición deste ano, un número maior que outros anos tendo en conta que se trata dunha feira especial. Por este motivo tamén se ampliará en certa medida a zona dedicada á feira, incorporando algunha rúa pola que ata agora non había postos como a rúa Travesa na súa zona máis ancha. Ademais recolocaranse outros postos que ocupaban a zona de Santiago ou do Mercado que por circunstancias puntuais (obras en vivendas ou no propio mercado) non poden ocupar o espazo no que se instalaban estes últimos anos.

A comisión técnica valorará nos próximos días as solicitudes presentadas por profesionais. Na valoración de autorizacións o Concello terá en conta a traxectoria de cada profesional así como o cumprimento, en caso de participar en edicións anteriores, do regulamento da feira.

Na relación de postos, o Concello volve destinar uns 25 a representantes das asociacións de Betanzos que así o solicitaron; a postos de gastronomía que poxa o Concello e a comerciantes que dispoñen de establecemento nalgunha das rúas nas que se desenvolve a feira.

No referido ás rúas, os postos instalaranse pola Porta da Vila, a rúa do Castro, a praza da Constitución, Santiago, Roldán, Peixaría, praza Fernán Pérez de Andrade, Santa María, e San Francisco, entre outras. Mentres, tamén se irán organizando as distintas actividades complementarias á feira entre as que tamén destacan as escenas representadas pola veciñanza do municipio.

Neste sentido, abrirase proximamente o prazo de inscrición para que aquelas persoas que queiran participar activamente na feira como voluntariado poida facelo en diferentes representacións, máis concretamente para o Tributo dos cen doncelas, a entrada na cidade do señor de Andrade ou a expulsión dos leprosos. Para todas elas búscanse “actores, actrices ou figurantes”. En total preténdense cubrir 150 prazas, as necesarias para desenvolver as escenas.

0.19213891029358