A Feira GastroLexítimo de Paderne será o sábado 29 de xuño
A combinación de viño, gastronomía e tradición materialízase nun día de confraternidade en Paderne. Este é o espírito da Feira GastroLexítimo, un evento impulsado polo Concello de Paderne que terá lugar en Esperela o sábado 29 de xuño. A feira, herdeira da Mostra do Branco Lexítimo que deixou de celebrarse debido á pandemia, xorde como un xeito de destacar a identidade do municipio a través da súa gastronomía e viños autóctonos.
A edición deste ano da Feira GastroLexítimo contará cunha ampla programación durante todo o día e rematará coa actuación do grupo A Roda. O concerto da histórica agrupación música tradicional será o fin dunha festa que arrincará desde ben pronto. Ás 11.00 horas abrirán os stands situados en Esperela. Unha hora máis tarde, ás 12.00, está prevista a inauguración desta primeira edición da Feira GastroLexítimo cun pregoeiro ou pregoeira que será desvelado nos vindeiros días.
Á vez, de xeito complementario, arrincará unha andaina que ten previsto chegar case dúas horas e media despois para o inicio da comida, ás 14.30 horas. As persoas que se acheguen a Esperela poderán gozar non só do viño Branco Lexítimo cultivado na comarca, senón tamén de gastronomía tradicional e local, con especial mención aos Queixos Cagiao e aos produtos de agricultura ecolóxica de Seitura, dúas empresas locais que aportan valor engadido.
Xa pola tarde, ademais dos postos que permanecerán abertos, haberá unha cata e un obradoiro previos ao concerto de A Roda, prato forte dunha xornada que rematará sobre ás 23.00 horas.
“Será un día moi especial para toda a veciñanza de Paderne. Con esta posta en marcha da Feira GastroLexítimo pretendemos iniciar un evento que se asente no tempo e no que se porá en valor non só o viño Branco Lexítimo como ata o de agora, senón a marabillosa gastronomía autóctona que pode acompañar a esta variedade”, expón o alcalde, Sergio Platas.
Segundo Platas, “Paderne é un pequeno municipio, si. Pero ten moito do que sentirse orgulloso”. “Por iso celebramos esta festa á que esta convidada non só a nosa xente, senón a xente de toda a nosa comarca, da contorna da Coruña, da provincia e de todos os lugares. Paderne é moito e este evento, que colle a herdanza para Mostra do Branco Lexítimo para potencialo, axuda a demostralo”, finaliza o rexedor.