A Feira GastroLexítimo de Paderne contará co apoio da Deputación

ACoruñaXa
O evento, centrado en produtos locais e gastronomía de quilómetro cero, será reforzado pola entidade provincial
Deputación Paderne Feira GastroLexítimo
10 Jan 2025

A Feira GastroLexítimo, que se celebra a comezos de verán na aldea da Esperela, no concello de Paderne, contará coa participación activa da Deputación da Coruña. O vicepresidente da entidade, Xosé Regueira, reuniuse co alcalde de Paderne, Sergio Platas, para concretar os detalles desta colaboración, que busca poñer en valor a gastronomía, os produtos locais e a cultura da comarca.

Regueira subliñou que a participación na feira “encaixa á perfección coa nosa campaña turística e gastronómica ‘A provincia que sabe’”. Ademais de promocionar os produtos locais, destacou que este evento dinamiza o turismo, a cultura e o ocio, reforzando o papel do territorio como referente de calidade e tradición.

O vicepresidente puxo en valor a singularidade de celebrar a feira nunha aldea como A Esperela, involucrando á veciñanza de Paderne. Tamén lembrou a importancia de que o concello forme parte da Reserva da Biosfera, un elemento clave para o desenvolvemento dun turismo sostible e dunha gastronomía centrada no quilómetro cero e nos produtos artesanais.

Regueira concluíu que a Feira GastroLexítimo é un espazo estratéxico para a Deputación, xa que permite non só promocionar o territorio e a súa identidade, senón tamén xerar un impacto socioeconómico positivo na contorna.

0.16910791397095