A Feira de Playmobil reuniu en Curtis a máis de 7.000 asistentes

A IV Feira-Exposición de Playmobil celebrada esta fin de semana en Curtis congregou a máis de 7.000 asistentes nun ambiente festivo e cheo de creatividade. O evento, que gaña popularidade ano tras ano, consolídase como unha das citas ineludibles para os afeccionados e coleccionistas destas emblemáticas figuras en Galicia.
O público puido gozar dunha mostra única, con máis de 4.000 bonecos de Playmobil exhibidos en detallados dioramas que recreaban escenarios históricos, urbanos e fantásticos. A variedade de temáticas e o nivel de detalle captaron a atención de maiores e pequenos, quen puideron ver de preto a maxia deste xoguete que marcou xeracións.
Ademais, a feira contou con tres puntos de venda especializados, onde os asistentes tiveron a oportunidade de adquirir figuras e complementos de edicións exclusivas e pezas de colección, así como recibir asesoramento de expertos en Playmobil.
A IV Feira-Exposición de Playmobil en Curtis non só demostrou ser un éxito en termos de afluencia, senón que tamén se converteu nun punto de encontro e nun espazo cultural que contribúe a fortalecer o turismo e a actividade local. A organización xa está a traballar na próxima edición, co obxectivo de seguir sorprendendo a todos os fans de Playmobil.
Desde o Concello agradécese o traballo da organización (Playmogalicia) e a colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, así como da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.