A Feira de Ciencia Isabel Zendal atrae centos de visitantes

A Feira de Ciencia Isabel Zendal celebrou a súa sétima edición. Esta iniciativa, impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) en colaboración co Concello, contou coa participación de profesorado e alumnado da UDC, que ofreceron ao longo da xornada catorce talleres divulgativos de ciencia, atraendo a centos de visitantes.
A concelleira Noemí Díaz visitou o Aquarium Finisterrae e destacou a relevancia desta feira como "un evento fundamental para achegar a cultura científica á cidadanía a nivel interxeracional, ao tempo que visibiliza o traballo e as investigacións levadas a cabo polos profesionais da nosa universidade". Con motivo da feira, o Concello organizou unha xornada de portas abertas no Aquarium Finisterrae, permitindo o acceso gratuíto previa reserva de entrada. "Actividades como a de hoxe, que atraen a públicos de todas as idades, terán un impacto positivo no futuro da rede de Museos Científicos Coruñeses e da UDC", afirmou a concelleira.
Un dos aspectos máis destacados da xornada foi a representación da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que inspirou o nome da feira. As persoas participantes caracterizáronse como os protagonistas da expedición, con Ana González Tizón no papel de Isabel Zendal e Andrés Martínez Lage interpretando a Francisco de Balmis. O alumnado asumiu o papel dos nenos vacuníferos, recordando as figuras históricas que desempeñaron un papel crucial na erradicación da varíola.
A concelleira subliñou a importancia de lembrar este fito histórico, "polo impacto global que tivo na loita contra a varíola". Ademais, resaltou o papel de Isabel Zendal, "unha muller que rompeu barreiras da súa época ao embarcarse nunha viaxe transatlántica como enfermeira recoñecida oficialmente e con igual salario que os homes", así como "a valentía dos nenos orfos que participaron na expedición".
A feira, organizada por UDCiencia d+i, grupo de divulgación científica e innovación docente da Universidade da Coruña, en colaboración co Aquarium Finisterrae, incluíu catorce talleres divulgativos. Nestes abordáronse temas relacionados con grupos animais característicos do acuario, como peixes, polbos, quenllas e cangrexos, ademais doutras temáticas sobre saúde e bioloxía.