A Feira da Cultura EnCaMiño pecha a súa quinta edición consolidada como un referente cultural nas Mariñas

A quinta edición da Feira da Cultura EnCaMiño baixou este domingo o pano en Miño tras catro intensas xornadas nas que a literatura, a arte e a cultura volveron converter a vila nun dos principais focos culturais de Galicia durante este mes de xullo.
A Pista Municipal do Rabazal e o Centro Social A Rúa acolleron, entre o xoves e o domingo, un completo programa de actividades que reuniu a máis dun cento de escritores, ilustradores, editoriais e creadores, ademais de centos de veciños e visitantes que se achegaron para participar nas diferentes propostas organizadas.
Ao longo dos catro días sucedéronse presentacións literarias, coloquios, obradoiros, espectáculos infantís, rutas poéticas pola contorna natural do municipio, proxeccións de curtametraxes, recitais de poesía e sesións de sinatura de libros, ademais do Mercado Cultural, un dos espazos que rexistrou unha maior afluencia de público.
A organización volveu apostar por un formato que combina a promoción da lectura con actividades familiares e culturais, favorecendo o contacto directo entre autores e lectores e convertendo a feira nun escaparate para editoriais independentes, librarías, ilustradores e artistas.
A boa resposta do público confirma o crecemento que vén experimentando EnCaMiño nos últimos anos. A cita chegaba a esta quinta edición despois de que o pasado ano superase os 3.000 visitantes e os 3.000 libros vendidos, unhas cifras que a consolidaron como unha das feiras culturais de referencia na comarca das Mariñas.
Co peche desta edición, Miño despide unha nova Feira da Cultura EnCaMiño reforzando a súa aposta por achegar a literatura e a creación artística a todos os públicos e consolidando un evento que, edición tras edición, continúa gañando peso dentro do calendario cultural galego.