A Feira da Cebola Chata de Miño celebra o seu 25 aniversario cunha xornada chea de gastronomía, tradición e música

ACoruñaXa
A cita do 2 de agosto incorporará degustacións, obradoiros, artesanía, un novo 'Xeado de Cebola Chata' e o concerto de Zapato Veloz
MIÑO 25 aniversario festa cebola chata
29 Jul 2026

A Feira da Cebola Chata de Miño celebrará o vindeiro domingo 2 de agosto a súa vixésimo quinta edición, unha cifra que confirma a consolidación dunha das citas gastronómicas e tradicionais máis importantes do municipio. Ao longo deste cuarto de século, o evento converteuse nun escaparate para dar a coñecer un dos produtos agrícolas máis representativos de Miño e para reivindicar a súa importancia dentro da gastronomía e da identidade local.

Nacida co obxectivo de poñer en valor o traballo das familias produtoras e preservar un cultivo tradicional, a feira medrou ata converterse nun referente estival nas Mariñas. Cada edición reúne a veciñanza e a centos de visitantes arredor dun programa que combina mercado tradicional, artesanía, gastronomía, música e actividades culturais, mantendo sempre á cebola chata como principal protagonista.

A edición deste ano manterá esa esencia cun amplo programa pensado para todos os públicos. Haberá mercado de produtos locais e artesanía, obradoiros, demostracións de oficios tradicionais, actividades infantís, música ao vivo e degustacións gastronómicas nas que a cebola chata volverá ocupar un lugar central, tanto en elaboracións tradicionais como en novas propostas culinarias creadas para conmemorar este 25 aniversario.

A celebración completarase con sesión vermú, un xantar e unha cea popular, espectáculos familiares e un concerto nocturno que porá o broche final á xornada, reforzando o carácter festivo dunha cita que cada ano gaña máis proxección.

Con esta edición especial, Miño celebra non só os 25 anos da súa feira máis emblemática, senón tamén a continuidade dunha tradición agrícola que segue sendo un dos sinais de identidade do municipio e un importante atractivo turístico e gastronómico durante o verán.

PROGRAMA COMPLETO

0.1384699344635