A falta de espazo nos pavillóns deportivos chega ao pleno de Betanzos

ACoruñaXa
A iniciativa reclama reunir o Consello de Deportes para escoitar os clubs e buscar solucións á saturación das instalacións municipais
BETANZOS pavillon
1 Jul 2026

A falta de espazo nos pavillóns deportivos de Betanzos será debatida no pleno municipal a través dunha iniciativa presentada polo BNG, que propón mellorar a planificación das instalacións e optimizar os horarios dispoñibles para facilitar a actividade dos clubs e entidades deportivas.

A concelleira nacionalista Vanessa Rey advirte de que o aumento do número de clubs e a aparición de novas disciplinas fixeron que os espazos actuais resulten insuficientes. Segundo explica, tanto o pavillón municipal como os pavillóns dos centros educativos deben compatibilizar o uso deportivo coa actividade docente, o que reduce a dispoñibilidade para novas actividades.

A formación lembra que o club de bádminton xa tivo que trasladarse a outro concello por non contar cun espazo axeitado para adestrar en Betanzos. Ademais, sinala que os horarios das instalacións existentes están completos, o que dificulta a incorporación de novas asociacións deportivas.

Entre as propostas, figura estudar a incorporación do polideportivo de Guiliade á rede de instalacións empregadas polos clubs e entidades deportivas, co obxectivo de ampliar a oferta e repartir mellor os usos.

A iniciativa tamén pide convocar o Consello de Deportes de Betanzos para escoitar as necesidades das entidades e elaborar un cronograma que permita resolver os problemas vinculados ao uso das instalacións deportivas.

0.12460899353027