A Facultade de Fisioterapia da UDC unha xornada internacional con expertos en pediatría
O Grupo de Neurociencia e Control Motor (NEUROcom), o Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña e a Sociedade Española de Fisioterapia en Pediatría (SEFIP) organizan este sábado, 20 de abril, a xornada divulgativa 'Spatial Navigation: what do we know about it in childhood', que terá lugar na Facultade de Fisioterapia da UDC.
O evento, coordinado pola docente e investigadora Verónica Robles, vai dirixido á poboación xeral e á comunidade universitaria, co fin de achegar os últimos avances científicos da navegación espacial, a capacidade de moverse na contorna, e o seguemento do neurodesenvolvemento de nenos e nenas que naceron de maneira prematura.
Programa do evento:
Ás 9.00 terá lugar o acto de inauguración e benvida, a cargo da profesora Sonia Souto, directora do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da UDC. A continuación, ás 9:30 horas, dará comezo o primeiro bloque da mañá, baixo o título “Spatial Navigation and topographical memory in children” (navegación espacial e memoria topográfica na infancia), que contará coa participación de Laura Piccardi, docente e investigadora da Universidade de Roma; e Åsa Bartonek, investigadora do Karolinska Institute de Suecia, ambas as dúas referentes neste campo.
Despois dunha breve pausa, ás 12.00 horas terá lugar o seguinte bloque, onde se reflexionará sobre a prematuridade e o seu seguimento, e que contará coa participación de José Luis Fernández Trisac, xefe da Unidade de Neonatoloxía do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña; Isabel de las Cuevas-Terán, neonatóloga e profesora na Universidade de Cantabria; e Nuria Martín-Pozuelo, profesora na Universidade de Deusto.
Ás 15.00 horas terá lugar unha sesión de networking, na que o público terá a oportunidade de conversar cos relatores convidados . Xa ás 16.30, a docente Verónica Robles moderará a mesa redonda na que se discutirán os desafíos de considerar a navegación espacial na detección temperá e a intervención, na que participarán todos os relatores do día. Este espazo durará ata as 18.00 horas, momento no que terá lugar a clausura da xornada.