A Facultade de Dereito da UDC acolle un congreso sobre os retos do Big Data no Dereito da Competencia
O crecente uso dos datos de consumo con fins comerciais propiciado polo Big Data xerou beneficios substanciais para as empresas, permitíndolles desenvolver innovacións de produtos, mellorar a eficiencia dos procesos produtivos e prever as tendencias do mercado. Moitos destes beneficios trasládanse aos consumidores, que poden acceder a novos produtos e servizos, gozando de vantaxes como servizos innovadores, personalizados e continuamente mellorados, a miúdo de forma gratuíta.
Porén, a capacidade de xerar e procesar grandes volumes de datos pode estar asociada co poder de mercado, o que permite ás empresas exercer unha posición de dominio sobre os seus competidores e os usuarios nun determinado mercado. Outro problema é a tendencia das empresas a crear ecosistemas, ampliando os seus servizos a produtos ou sectores relacionados.
O Dereito da Competencia ten como obxectivo preservar o funcionamento competitivo dos mercados en beneficio dos consumidores. Para cumprir con este obxectivo, as súas ferramentas tradicionais deben adaptarse aos retos que presenta a economía dos datos. Tradicionalmente, o Dereito da Competencia ocúpase de condutas que afectan negativamente os prezos ou o nivel de produción, mentres que moitos servizos na rede son gratuítos para os usuarios, o que fai que o seu impacto sobre os prezos sexa relativo.
Neste contexto, xorde o congreso "O Dereito da Competencia na era do Big Data", que se celebrará os días 23 e 24 de xaneiro na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña. Trátase dun foro de reflexión que reunirá no Campus de Elviña a destacados expertos para abordar os novos retos xurídicos e económicos que trae consigo a transformación dixital e o uso masivo de datos.
O programa do evento estrutúrase arredor de tres grandes categorías do Dereito da Competencia: a prohibición de colusión, o abuso de posición dominante e o control de concentracións. Así, desenvolveranse cinco paneis temáticos que analizarán aspectos clave como a colusión mediante algoritmos, o abuso de posición dominante na industria dos datos, o control de concentracións e as implicacións internacionais do Big Data nos mercados.
O congreso tamén incluirá a presentación de comunicacións científicas seleccionadas por un comité de expertos, no que participan os profesores da Universidade da Coruña Fernando Cachafeiro e Marcos A. López Suárez.
Participantes
Entre os relatores destacados atópanse figuras como Pilar Canedo, ex-conselleira da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e actual experta sénior en competencia da OCDE, e Juan Luis Crucelegui, xefe de servizos xurídicos en Políticas de Competencia da UNCTAD. Ademais, participarán profesionais de universidades como a UDC, Carlos III de Madrid, Nebrija, Málaga, País Vasco, Santiago de Compostela, Valencia, Vigo, Zaragoza e a Pontificia Javeriana de Bogotá (Colombia).
Organización e apoios
O congreso está organizado polo Grupo de Investigación Empresa, Consumo e Dereito (ECD), no marco do proxecto "Big Data, competencia e protección de datos" (PID2021-127172NB-100), pertencente ao Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, cofinanciado pola Unión Europea e o Ministerio de Ciencia e Innovación - Axencia Estatal de Investigación.
O proxecto conta con financiamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Axencia Galega de Innovación, no marco do Plan de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas. O congreso tamén conta co apoio da Rede Académica de Dereito da Competencia.