A escritora paradelense Estefanía Padullés presentará na Coruña o seu novo libro ilustrado

A escritora e ilustradora de Paradela Estefanía Padullés presentará o vindeiro luns 3 de agosto na Feira do Libro da Coruña o seu novo traballo literario, publicado en galego e castelán baixo os títulos Cambia o mundo... cambias ti e Cambia el mundo... cambias tú.
O acto terá lugar ás 17.30 horas nos Xardíns de Méndez Núñez e incluirá unha presentación da obra acompañada dun contacontos ilustrado dirixido ao público infantil e familiar.
O libro transmite unha mensaxe fundamental para o desenvolvemento emocional dos nenos e das nenas, centrada na aceptación dos cambios como parte natural da vida. A través dunha historia próxima e adaptada ás primeiras idades, a autora convida os máis pequenos a comprender que as circunstancias evolucionan, que as persoas cambian e que cada nova etapa pode converterse nunha oportunidade para aprender e medrar.
Con esta publicación, Padullés continúa apostando por historias que combinan literatura e ilustración para abordar cuestións relacionadas co crecemento persoal e a educación emocional da infancia.