A escrita en galego volve ter premio co certame de narrativa curta de Curtis

ACoruñaXa
A XXI edición terá como tema 'O exame' e repartirá premios de ata 700 euros nas categorías xuvenil e adulta
curtis concurso literatura
15 May 2026

O Concello de Curtis convoca a XXI edición do seu Certame de Narrativa Curta, que este ano terá como temática 'O exame'. O concurso está aberto a persoas de calquera procedencia, aínda que os premios locais quedarán reservados a participantes vinculados co municipio por nacemento, residencia, estudos ou relación laboral con empresas ou centros situados no termo municipal.

As obras deberán estar escritas en lingua galega, ser orixinais, inéditas e non ter sido premiadas noutros certames. Ademais, as bases recollen que as persoas participantes se comprometen a non empregar sistemas baseados na intelixencia artificial para a totalidade da escritura do relato.

Os textos deberán presentarse en formato tipo Word, cunha extensión de entre 3.000 e 5.000 caracteres, espazos incluídos. O envío farase a través do correo electrónico relatoscurtis@gmail.com e deberá incluír, na última folla do mesmo documento, unha copia escaneada do DNI, o enderezo, un teléfono de contacto e a categoría na que se participa. O prazo de entrega rematará o 20 de outubro de 2026.

O certame establece dúas categorías. A categoría A está dirixida a participantes de entre 12 e 17 anos e contará cun primeiro premio de 400 euros, un segundo de 200 euros e un premio local de 400 euros. A categoría B, para persoas de 18 anos en diante, repartirá un primeiro premio de 700 euros, un segundo de 300 euros e un premio local de 700 euros.

O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e poderá outorgar premios compartidos se así o considera. As obras gañadoras pasarán a ser propiedade do Concello, que se reserva o dereito de publicalas sen ánimo de lucro. A entrega dos premios está prevista para o mes de decembro.

0.13074398040771