A Escola Unitaria de Pravio en Cambre pide máis docentes e a ampliación dos centros adscritos

ACoruñaXa
O Concello de Culleredo trasladou durante unha visita ao centro a súa intención de apoiar a súa supervivencia
Escola Unitaria de Pravio en Cambre
Escola Unitaria de Pravio en Cambre
15 feb 2024

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e a edil de Economía, Facenda e Réxime Interior, María Pan Lesta, visitaron onte a Escola Unitaria de Pravio para mostrar o seu apoio incondicional ás reivindicacións do ANPA e de toda a comunidade educativa do centro.

Unha das demandas principais é a relacionada coa falta de persoal docente, algo que limitaría as matriculacións no centro de ensino (con lista de espera). A maiores, desde a asociación de nais e pais reclaman que a Unitaria de Pravio estea adscrita ao CEIP Emilio González López, ao Gonzalo Torrente Ballester e ao CEIP Juana de Vega de Nós (situado a catro quilómetros).

Por unha banda, desde a Unitaria inciden en que coa aplicación do cambio de cocientes por parte da Xunta de Galicia precisarían dous profesores para poder manter o mesmo número de alumnos deste curso (20, en total). Desde o ANPA lembran que, nos últimos cursos académicos, tiveron que realizar baremacións dado o alto volume de matriculacións.

Centros adscritos

Na actualidade a Escola Unitaria de Pravio está adscrita, unicamente, ao CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Como denuncian desde o ANPA, esta situación está a afectar tamén ao número de matrículas. Así, tal e como explican, moitas familias están a valorar ou mesmo descartando matricular aos seus fillos e fillas na escola de Pravio xa que, ao acabar os seus estudos neste centro, poderían non ter praza de Primaria no colexio que estivese máis próximo. Desde o ANPA reclaman incrementar a adscrición do centro, ampliándoa ao CEIP Emilio González López, ao Gonzalo Torrente Ballester e ao CEIP Juana de Vega de Nós (situado a catro quilómetros).

Na súa visita ao centro, o rexedor comprometeuse a apoiar estas peticións, considerando que “ou traballo que realizan desde a Unitaria é esencial”. O alcalde recalcou o seu compromiso cun modelo de educación “único, innovador e diferente” e comprometeuse a colaborar en todo o posible para “reverter esta situación e garantir a supervivencia da escola de Pravio”.