A escola Sementeira celebra o final de curso sobre o escenario

A escola Sementeira de Cambre prepara os seus concertos de fin de curso, unha cita coa que o alumnado compartirá co público o traballo realizado ao longo dos últimos meses. As actuacións desenvolveranse en dúas xornadas, pensadas para dar protagonismo aos distintos grupos e niveis formativos.
O primeiro concerto terá lugar o xoves 11 de xuño, ás 17.30 horas, e contará coa participación do alumnado de Música e Movemento, Baile Tradicional Galego e dos máis pequenos de instrumento.
A programación continuará o venres 12 de xuño, tamén ás 17.30 horas, cunha segunda quenda na que actuarán as agrupacións da escola e o resto do alumnado de instrumento.
Os concertos celebraranse no Auditorio do Parque da Igrexa de Cambre. En caso de choiva, as actuacións trasladaranse ao Salón de Actos da Escola de Música.
A entrada será libre ata completar a capacidade dispoñible.